Tan afeitos estamos a algunhas cousas que xa non nos causan impacto. Iso ocorre mesmo con flagrantes contradicións. Como a da actual conferencia sobre o cambio climático que está a ter lugar en Glasgow, a COP 26 (‘Conferencia 2021 das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático’ no seu nome oficial, con COP como acrónimo da ‘Conferencia das Partes’ implicadas). E é que resulta que nesa conferencia mundial organizada pola Organización das Nacións Unidas, o principal grupo de representantes non é unha nación, senón a agrupación de representantes da industria de combustibles fósiles, carbón, petróleo e gas.
Claro que a industria sería unha receptora das normas e acordos da conferencia, que tería que cumprir, e xa ven sendo tradicional que, en casos semellantes, as empresas que puideran resultar máis afectadas fagan presión dos máis diversos xeitos para que as normas sexan ditadas ó seu favor. Na práctica, sen impedimento en moitos dos casos. A iso, dun xeito eufemístico chámaselle ‘facer lobby’. Lobby, se se vai ó dicionario, aínda hoxe significa vestíbulo, e aplícaselle ó caso pode porque en tempos as xentes que querían influír esperaban no vestíbulo dos que querían influenciar, para que os atenderan. Pero diso, a certos niveis, hai tempo xa que se pasou. Por poñer un caso da evolución do ‘sector’, antes non se coñecía o fenómeno das portas xiratorias. E hoxe, por esa práctica insana (os que a desfrutan é posible que opinen outra cousa, xa se sabe), pois… que as eléctricas queren influír nun goberno? O exgobernante de quenda, agora a soldo da empresa, sen facer nada aparentemente, e que contribuíu a que os gobernantes actuais teñan a súa poltrona, vai facer algo: fai unha chamada de teléfono ó seu (ou súa) antigo pupilo, e listo. Para que esperar no vestíbulo? As veces, nin iso é necesario. Non quedaran citados para cear? Pois mira, xa teñen de que falar.
Na outra cara da moeda, os representantes medioambientais… existen? Si, como aquelo de ‘Teruel existe!’ Sen ir tan aló, que o conxunto de países quizais máis afectados polas inclemencias derivadas do cambio climático teñan -repito, en conxunto- menos representantes que a industria que negocia cos combustibles que son a causa principal dese cambio, deixa clara a importancia duns e outros, mesmo nun cumio ‘de nacións’. Si, ata o de agora omitín o número de ‘nacións máis afectadas’ que incluía no grupo. Oito. Abondas, non? A súa poboación, ben máis de cinco centos millóns de habitantes, tamén é abonda.
Idea da importancia relativa duns e outros, polo demais, que se ve reforzada se temos en conta que moitos países xa levan na súa representación tamén a xente da industria de combustibles fósiles, por exemplo a conto de que son produtores. Iso ocorre co Brasil, a delegación nacional máis numerosa, aínda que tamén quede por baixo da representación da industria dos combustibles fósiles.
Podería crese que con esa supremacía de influencia a cousa remataría aí: para que máis? Pero non, non remata. Así temos que os cumios necesitan cartos para celebrarse. E, quen os pon? Pois, en parte, os patrocinadores. É dicir, intereses privados. E todos sabemos que o ‘segue a pasta’ non se refire ós spaguetti, senón ós cartos para saber de onde veñen as ordes. Pois si, se estabas pensando que os principais patrocinadores están relacionados con intereses en contra da redución de emisións, acertaches! Non verás nunca (posiblemente) asinado por un representante deses intereses unha norma que lle vaia afectar. Pero na conferencia hai intérpretes, poñamos por caso, pagados con eses cartos. Podería poñer outros profesionais, pero pensei nos intérpretes porque ‘interpretan’. E ti, ‘interpretas’?