Madrid, 8 de novembro, 2021. Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano, acusan aos socialistas lucenses e ao seu representante na Cámara Baixa “de dar as costas aos gandeiros da provincia” ao apoiar inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime Especial de Protección (LESRPE), “sen consenso entre os sectores implicados nin base científica e técnica na toma de decisións sobre a protección deste animal”.
Para os senadores chama a atención que a comisión de 19 expertos, a quen o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico encargou o ditame sobre a inclusión do lobo na LESPRE, non conte con ningún especialista nesta especie e que, “a partir de estudos actualizados e territoriais, argumente e apoie a necesidade de incluír o lobo nesta listaxe”.
A orde ministerial, din, “é unha imposición, unha actuación exclusiva e unilateral, sen diálogo, acordo ou consenso coas comunidades autónomas e que ignora as consecuencias económicas, sociais e ambientais nos territorios onde se vive maioritariamente o gando”. “Vai sufrir máis sobreprotección”, destaca Barreiro, ao tempo que critican que a opinión dos expertos saliente o alto valor ecolóxico, ambiental, patrimonial e cultural do lobo, “ignorando” deste xeito aos gandeiros.
Neste senso, engade que a decisión do ministerio “é política e ideolóxica e non está nin xustificada cientificamente nin esixida socialmente”, reclamando “que se lle permita ao gandeiro traballar para sobrevivir e non alimentar ao lobo”.
Tres emendas
O grupo popular no Senado presentou tres emendas nas que pedía anular a orde que inclúe o lobo na LESRPE, solicitando que todas as organizacións que aporten criterios técnicos e científicos sobre o tema sexan tidas en conta como parte implicada, como son os profesionais, colexios de veterinarios, enxeñeiros forestais ou agrónomos.
Tamén reclamaron que xunto coa Comisión Estatal de Patrimonio Natural se convoque de xeito inmediato a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e, en terceiro lugar, propuxeron que os territorios implicados, entre eles Galicia, se sumen aos informes científicos achegados, nos que se detalla a análise técnica por cada Administración do impacto económico, social e ambiental derivado da acción do lobo nas súas respectivas zonas.