Burela, 16 de novembro de 2021. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo celebrou este martes unha nova edición da súa “Xornada sobre Obriga de Desembarque e Valorización”, que tivo lugar no salón de actos de ABSA, no porto de Burela.
Abriu a xornada a directora xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez, que destacou como Galicia, con 270 especies de pesca en fresco, representa un grande exemplo de valorización de especies ante a dificultade práctica de executar a OD.
No primeiro bloque analizouse a Obriga de Desembarque desde a perspectiva da administración, coa presencia do subdirector xeral de Caladeiro Nacional e Augas da UE da SEGEPESCA, Héctor Vila, que presentou a normativa europea e o seu desenvolvemento a nivel nacional, facendo especial fincapé nas exencións vixentes e a necesidade de respaldarlo con novos estudios. Tamén valorou as perspectivas para 2022 do grupo rexional de augas occidentais e recomendou seguir traballando na mellora da selectividade.
Pola súa parte, a xefa da área de control da subdirección xeral de Vixilancia e Loita contra a Pesca Ilegal, Noemí Munguía, falou da OD desde a perspectiva de control, expoñendo os principais resultados da auditoría realizada pola Comisión Europea e propuxo unha serie de accións de mellora. Non puido dar unha previsión exacta da entrada en vigor do novo Regulamento Europeo, previsto para o próximo ano.
Ademais de analizar a OD desde a perspectiva da administración, no segundo bloque do encontro presentáronse dous proxectos relacionados cos descartes e a selectividade no arrastre, nos que participa a frota da OPP.
Xulio Valeiras, do Instituto Español de Oceanografía IEO, detallou os parámetros de selectividade e os obxectivos de SELECTLUGO, un proxecto realizado entre 2020 e 2021 para analizar melloras de selectividade na frota de arrastre de litoral.
Presentou os primeiros datos obtidos a través de 3 semanas de observación a bordo do buque “Plaia de Rueta”, que servirán para aportar argumentos de mellora de selectividade na frota de arrastre de litoral á SEGEPESCA. A principal conclusión é a de obter evidencias científicas sobre esta arte de pesca e caladeiro.
Ricardo Pérez, do Consello Superior de Investigacións Científicas CSIC, presentou o proxecto GEOCAP, que integra nunha base de datos xeoportal as capturas e descartes, e que xa foi presentado aos patróns de OPP Lugo no obradoiro celebrado o pasado sábado día 6.
Os obxectivos deste proxecto pasan pola cuantificación automática das capturas; reducir ou evitar as capturas non desexadas; valorizar a biomasa non desexada; e evaluar os impactos socio-económicos e medioambientais.
No terceiro e último bloque da “Xornada sobre Obriga de Desembarque e Valorización” tratouse a valorización do producto pesqueiro desde unha perspectiva gastronómica. Bruno Pena, presidente da asociación Cociñeiros Lugo, explicou como aproveitar especies que habitualmente teñen un menor valor de venta pero un alto potencial de comercialización.
Ao finalizar a xornada ofreceuse unha degustación gastronómica na que os asistentes puideron saborear receitas elaboradas con diferentes especies descartadas ou de alto potencial comercial e representativas das diferentes frotas da OPP7, como o congrio, a raia, a bertorella, a cabra, a cabala ou o chicharro.
A degustación tivo lugar nas instalacións de ABSA realizada polos chefs de Restaurante A Lonxa e Casa Miranda, que presentaron as seguintes receitas:
Congrio en salpicón
Congrio con guisantes en dúas texturas con xamón
Cabala con mango e tobico
Chicharro en escabeche con guacamole
Bertorella crocante con turrón
Raia con suquet de mariscos
Cabra en ceviche
Cabra con humus de cenoria asada
Cabra con pesto e plátano macho
Esta actividade enmárcase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no Plan de produción e comercialización anual, e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.