Riotorto, 3 de novembro, 2021. “O Presidente da Deputación discrimina unha vez máis ás empresas locais e aos veciños ó non ter vontade para realizar o polígono industrial de Riotorto, a pesar de realizar suplusa o proxecto de urbanización”. Así o afirma o Alcalde, Clemente Iglesias tras recibir por carta contestación negativa á petición realizada para a súa execución, e asegura que “chegaremos ata donde faga falta para conseguir esta infraestructura, tan demandada e necesaria para este municipio”.
Carta de contestación da Deputación
Estimado Alcalde,
Co presente escrito comunícolle que recibimos a súa solicitude para que se inclúa nos orzamentos do ano 2022 da Deputación Provincial de Lugo a consignación necesaria para que se licite, no vindeiro ano, a urbanización do polígono industrial de Riotorto.
Como vostede sabe, os convenios administrativos anteriores á entrada en vigor da Lei 40/2015, deberían terse adaptado ás regras establecidas na Lei de réxime xurídico do sector público (LRJSP), que entrou en vigor o 2 de outubro do 2016, entre outros no referido ao prazo de vixencia. Por iso, os convenios que non tivesen establecido un prazo de vixencia ou existindo, tivesen establecida unha prórroga tácita por tempo indefinido, o prazo de vixencia do convenio era de catro anos a contar desde a entrada en vigor da Lei 40/2015, é dicir, sendo Presidente do Goberno D. Mariano Rajoy Brey, quedaron extinguidos o 2 de outubro de 2020.
Ademais, para este fin, así como para outros tantos, xa están establecidas axudas da Deputación de Lugo a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos para levar a cabo a mellora de obras e servizos municipais.
Recordarlle, tamén, que os acordos aprobados nas Xuntas de Goberno Local non obrigan ás Deputacións.
Polo tanto, e en relación coa súa solicitude, indicámoslle que o concello de Riotorto xa dispón dunha axuda anual para a mellora dos servizos municipais, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, que pode ser destinada, xustamente, para eidos como o que solicita no seu escrito e que non existe ningunha obriga legal, entre ambas administracións, para consignar a cantidade de 402.250 € no orzamento da Deputación de Lugo e así satisfacer a solicitude que vostede envía.
Quedando a súa disposición, Atentamente,
Lugo, a data da sinatura dixital
O Presidente