Deste xeito, pedirán ao Executivo de Sánchez que “repoña esta situación”, xa que a falta de persoal supón unha diminución cuantitativa e cualitativa dos servizos que a entidade pública ofrece aos usuarios e pode traer problemas de inseguridade nas liñas que carecen de revisor, a desatención das persoas máis vulnerables e incluso a utilización da suposta falta de demanda de liñas ferroviarias como escusa para non restablecer os trens suprimidos durante o confinamento ao non haber persoal que controle que todos os usuarios leven billete.
A demanda dos senadores lucenses dá resposta á petición do propio Comité de Empresa de Adif, na que alertaban da necesidade de aumentar o persoal, co fin de cubrir vacantes e de afrontar o relevo xeracional. Os populares preguntarán, asemade, se, detrás “desta operación” existe tamén unha intención do Goberno de desmantelar os servizos ferroviarios públicos.
Melloras da A-6
Noutra orde de asuntos, e dando continuidade ao compromiso dos populares que, dende hai meses veñen expresando a necesidade e urxencia de acometer obras de reparación da A-6, nos treitos que transcorren pola provincia, os senadores tamén se interesarán polas medidas preventivas e de reforzo que se están a levar a cabo, ademais de polo persoal que está participando nestes traballos e o orzamento que se está a destinar a esta actuacións.