Lugo, 28 de novembro de 2021. Os senadores lucenses, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano, reclaman ao Goberno que cubra a carencia de persoal de ADIF que ten a provincia. Os populares advirten así que Lugo conta cuns 30 traballadores menos dos que serían precisos para atender as necesidades das liñas ferroviarias. Ademais, dos 88 traballadores que hai en activo na actualidade, 65 superan os 55 anos de idade.
Deste xeito, pedirán ao Executivo de Sánchez que “repoña esta situación”, xa que a falta de persoal supón unha diminución cuantitativa e cualitativa dos servizos que a entidade pública ofrece aos usuarios e pode traer problemas de inseguridade nas liñas que carecen de revisor, a desatención das persoas máis vulnerables e incluso a utilización da suposta falta de demanda de liñas ferroviarias como escusa para non restablecer os trens suprimidos durante o confinamento ao non haber persoal que controle que todos os usuarios leven billete.
A demanda dos senadores lucenses dá resposta á petición do propio Comité de Empresa de Adif, na que alertaban da necesidade de aumentar o persoal, co fin de cubrir vacantes e de afrontar o relevo xeracional. Os populares preguntarán, asemade, se, detrás “desta operación” existe tamén unha intención do Goberno de desmantelar os servizos ferroviarios públicos.
Melloras da A-6
Noutra orde de asuntos, e dando continuidade ao compromiso dos populares que, dende hai meses veñen expresando a necesidade e urxencia de acometer obras de reparación da A-6, nos treitos que transcorren pola provincia, os senadores tamén se interesarán polas medidas preventivas e de reforzo que se están a levar a cabo, ademais de polo persoal que está participando nestes traballos e o orzamento que se está a destinar a esta actuacións.