Burela, a 30 de novembro de 2021. O Grupo Municipal Popular de Burela propón unha ambiciosa reforma fiscal para o vindeiro ano 2022 para rebaixar a presión fiscal e dinamizar a economía en Burela.
Os populares trasladarán ao vindeiro pleno ordinario unha ducia de medidas para “tratar de reactivar ao sector comercial e empresarial da vila, así como de aliviar a carga tributaria da veciñanza, todos eles (comerciantes, empresarios e veciños) sufridos padecedores da total pasividade do goberno de Llano”.
O PP burelés propón a redución, exención ou bonificación de varios tipos de tributos. Por unha banda, a redución do tipo impositivo do IBI de urbana, pasando do 0,48% ao 0,43%. “Isto suporía un alivio fiscal para os veciños de Burela de arredor dun 10% neste tributo”, aclaran.
Por outra banda, propoñen dende o Grupo Municipal Popular bonificar un 50% as cotas para a licencia en establecementos de nova implantación así como nos procedementos das declaracións responsables ou comunicacións previas sobre ditos establecementos. E tamén a mesma porcentaxe de bonificación para a taxa por licenzas de apertura, ampliación ou reforma de negocios.
En relación ao mercado semanal de Burela, os populares propoñen a exención total ou a bonificación proporcional da taxa aos comerciantes ambulantes referida á ocupación en vía pública con postos, barracas, casetas de venda e demais elementos afectados por dita ordenanza.
Os populares cren que, “no caso circunstancias sobrevidas de forza maior que paralicen a actividade dun negocio, o Concello debería aplicar unha exención total ou bonificación proporcional da taxa relativa á prestación de servizos pola rede de sumidoiros, saneamento, depuración de augas residuais e recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos; así coma do subministro de auga potable.
Tamén contemplan na súa proposta a redución ao 50% da taxa relativa á reserva de espazos nas vías públicas para a carga e descarga. E a bonificación do 50% da taxa relativa ao imposto de vehículos de tracción mecánica destinados a uso comercial.
O PP burelés defende unha bonificación do 95% no que se refire ao imposto sobre construcións, instalacións e obras, a favor daquelas nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para o autoconsumo. E a mesma bonificación ao imposto sobre construcións instalacións e obras, a favor daquelas reformas que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade das persoas con mobilidade reducida.
Tamén instan ao goberno local a solicitar a bonificación do 19% no canon de SOGAMA e trasladar esa bonificación ao recibo periódico abonado polos veciños e veciñas de Burela. E a fraccionar os recibos da taxa relativa ao subministro de auga potable, cando estes se vexan incrementados por causas alleas ao titular do contrato.
O molde do novo faro, para a rotonda de acceso a Burela
Outras das propostas que o Grupo Municipal Popular de Burela levará ao pleno ordinario do Concello é a relativa ao aproveitamento do molde do novo faro de Burela como elemento da rotonda de acceso a Burela, na avenida Arcadio Pardiñas, dende Foz.
Os populares fanse eco dunha petición dos veciños para “darlle unha segunda utilidade de carácter permanente á estrutura depositada na zona portuaria que foi empregada para a construción do faro, que é un símbolo de identidade económica, social e cultural da nosa vila”.
Polo tanto, o Grupo Municipal Popular propón a convocatoria dun concurso de ideas no que necesariamente figure a integración, total ou parcial, do molde e tamén insta ao Concello a comprometerse a levar a cabo o proxecto da idea gañadora no momento en que o goberno local sexa capaz de acondicionar esa rotonda.