Lugo, 29 de novembro de 2021. O goberno provincial lucense ten unha inesgotable capacidade para sorprender e nunca para ben. Esta vez resulta sorprendente a súa falta de compromiso co futuro dos Grupos de Emerxencia Supraminicipais. Así o sinala o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira: “Non entendemos a actitude pasiva e a falta de compromiso da Deputación de Lugo con respecto ao futuro dos GES. O Partido Popular levará unha pregunta ao próximo pleno da Deputación, para saber por que PSOE e BNG non se sumaron a ao acordo tanto coa Fegamp, o que é dicir cos concellos, como coa Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, que si selaron un acordo para facer viable o futuro destas agrupacións nos próximos tres anos, para tratar de mellorar ese servizo, para intentar rebaixar os tempos de reacción”.
Castiñeira destaca que o dos GES “é un servizo moi necesario na nosa provincia, porque ten un carácter eminentemente rural, con poboación dispersa, envellecida, lonxe das cidades, que xa teñen parques de bombeiros e outros servizos cos que poden atender situacións de accidentes ou outros problemas”.
O portavoz popular manifesta: “Esperemos que cambie a actitude da Deputación de Lugo e asuma as responsabilidades fundacionais polas que se crearon estes grupos e motive a outros concellos a asumir ese liderado”. Engade: “Especialmente chamativo é o caso da Montaña: as dúas poboacións que deben asumir o liderado no novo mapa de emerxencias, A Fonsagrada e Becerreá, non queren facelo; o goberno socialista de A Fonsagrada négase a asumir os GES da Montaña e Becerreá ten problemas laborais”.
Os populares din que é preciso “un cambio de actitude tanto da Deputación como dalgúns concellos en aras de mellorar o servizo e a calidade da situación laboral de quen o desempeña; a eles, aos traballadores, agradecémoslles o servizo e o seu labor durante todos estes anos”.