Castiñeira lembra que “hai un mandato, por unanimidade de todos os grupos, de que os plenos sexan a última semana de cada mes e Cajoto fixo que sexa habitual que se celebren na primeira semana a mes pasado: pedimos algo máis de organización ao señor alcalde”.
O portavoz do PP sinala que “neste pleno o grupo popular de novo fai o seu traballo e leva mocións nas que demostra a intranscendencia do señor alcalde para o resto de administracións”. Aclara que Cajoto “é intranscendente para a Xunta, que xa se encargou el a principios de mandato de romper relacións co goberno de Galicia, botando a unha conselleira do noso propio concello”. Lembra que “os investimentos grandes os está a conseguir o PP dende a oposición, por exemplo a depuradora, o arranxo do edificio do IES de Foz ou a remodelación do centro de saúde”.
Castiñeira declara: “O señor Cajoto non fai absolutamente nada. En relación co Goberno de España é intranscendente; precisamente unha das nosas mocións vai nese sentido. Pedimos ao Goberno que retome a obra da A-74, ese expediente da autovía Barreiros-San Cibrao que está parado dende 2018. Non se fixo ningunha xestión e dende que Cajoto é alcalde está practicamente parado; nada sabemos tampouco das rotondas de Cangas e pedimos tamén o arranxo dunha parte da ponte vella da Espiñeira, que está en moi mal estado e a usa moita xente como saída cara Vilanova ou Mondoñedo”.
O portavoz popular, por outro lado, anuncia que o seu grupo pedirá “que o goberno municipal apoie a subida do Plan Único”. Sinala que “o Partido Socialista no pleno provincial votou en contra e supoñemos que o señor Cajoto, na súa submisión ao PSOE, tampouco estará á altura, o que significa que o Concello de Foz non disporá dos 100.000 euros máis que podería ter”.
Castiñeira conclúe: “Cajoto é intranscendente para o resto das administracións, que deben ser as que fagan os grandes investimentos neste concello. O PP fai oposición responsable e proba diso son os investimentos da Xunta de Galicia nos próximos anos neste concello”.