Concretamente, os populares piden a creación dun equipo de traballo, do que queren formar parte, para iniciar os trámites para a recuperación do servizo GES para o concello.
O portavoz, José Luis Regueiro, insiste en que “é necesario dotar á Fonsagrada deste servizo con persoal cualificado e material axeitado para atender as necesidades que se poidan presentar en materia de emerxencias no noso concello, cun termo municipal moi extenso”.
“Se o goberno socialista se opón a este servizo, estará cometendo un grave erro de pésimas consecuencias para os nosos veciños e veciñas”, segundo manifesta o popular que lembra: “a Xunta trata de dar aos veciños da Fonsagrada un servizo do que carecemos ata o de agora e a custe cero para o Concello”.
O popular lembra que A Fonsagrada xa contaba con este servizo que “o goberno local do PSOE non parou ata desmantelar deixando desprotexidos aos veciños da zona en materia de emerxencias”.
Políticas contra a Xunta
Regueiro sinala que “o goberno socialista e o seu socio necesario, o BNG, teñen a oportunidade de defender os intereses dos veciños da Fonsagrada por riba dos intereses partidistas que os levan a rexeitar o investimento da Xunta para soster que non inviste no rural. Están a facer política contra a Xunta”.
De feito, Regueiro lembra tamén que “o alcalde renunciou a un obradoiro de emprego desaproveitando a oportunidade de crear postos de traballo e formar a persoas desempregadas do noso municipio cunha iniciativa impulsada pola Xunta”.