Lugo, 30 de novembro de 2021. Unha vez máis, e como era previsible, o goberno provincial desoíu o ofrecemento do PP para colaborar na elaboración dos orzamentos da Deputación, a pesar de que o ano 2022 debe ser o da recuperación e, polo tanto, resultaría de grande interese para Lugo que se alcanzara un alto nivel de consenso. Pero non foi así, e nin polas formas en que se elaboraron nin polo fondo destas grandes contas pode o PP apoialas. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O grupo provincial do PP non pode votar favorablemente uns orzamentos nos que non se nos chamou a participar; son uns orzamentos que están secuestrados polo bipartito, que non deixa participar aos máis de 329 concelleiros que representamos e que foron votados por case 77.000 lucenses”. O grupo provincial do PP representa “case a metade dunha provincia que non se vai ver representada nestes presupostos”.
O PP non está de acordo coas formas, pero tampouco co fondo dos orzamentos que se someten hoxe a aprobación. Castiñeira explica: “Tampouco estamos de acordo co fondo, que non é real; é fantasioso, propio dun conto de Álvaro Cunqueiro, máis propio de Merlín e Familia que dunha administración dun territorio que está xogándose o seu futuro”.
En opinión de Castiñeira, ”estes orzamentos non contemplan nin a realidade da provincia nin a realidade do país”. Engade: “Non toman en consideración unha das maiores amezas, que son altos prezos tanto da enerxía como dos materiais de construción; tampouco reflicten a tendencia alcista da inflación”. Destaca que “debido a todo elo, farase moita menos obra que no ano 2019; os peor parados serán os concellos, porque a cooperación vai ser moito menos que no ano 2019, debido a que a cantidade fixada no Plan Único case é a mesma pero os prezos son moito maiores”.
Os orzamentos que se someterán a votación non atenden ás necesidades de mellora da rede provincial de estradas. Castiñeira sinala: “Dez millóns de euros, cinco en mantemento e cinco en investimento, non é nada cando temos 4.200 quilómetros; se facemos a proporción, o quilómetro sae a escasos 2.400 euros”.
En conclusión, os populares din: “Non podemos apoiar estes orzamentos e pedimos ao goberno da Deputación que se dedique a tratar de realzar o tecido produtivo da nosa provincia e a dar ferramentas de futuro aos concellos, como son os polígonos industriais, que reclaman Riotorto e outros trinta municipios”. Piden tamén ao bigoberno provincial “que non se esqueza dos fondos Next Generation, que é algo que obviamente non vén nestes orzamentos, pero que si teremos que xestionar, ao contrario do que di o goberno da Deputación, e si o teremos que traballar durante o 2022”.