Lugo, 15 de novembro de 2021. Os deputados populares solicitaron do goberno provincial en varias ocasións, sen éxito, o incremento da dotación orzamentaria do Plan Único. Unha vez que o presidente, José Tomé, deixou clara a súa pretensión de conxelar o Plan, o portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O grupo provincial do PP está en condicións de asegurar que os concellos da provincia de Lugo perderán nivel adquisitivo debido á conxelación do Plan Único 2022, por parte do goberno da Deputación (PSOE-BNG). Podemos facer esta afirmación vendo os números da economía en xeral, porque suben os prezos, os custos enerxéticos (tanto da electricidade como do gasóleo); increméntanse os custos salariais, dos materiais de construción, etcétera. Hai que ter en conta que gran parte do Plan Único se inviste en obras, polo que estamos seguros de que ao conxelar o seu importe os concellos poderán facer moitísimas menos”.
Castiñeira explica: “No día de hoxe reunímonos co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, José Bouso, que nos confirmou esta situación; a situación das empresas é moi complexa, polo incremento dos custos tanto dos materiais, como os laborais e enerxéticos e a tendencia é a que sigan subindo nos próximos meses. Polo tanto, cando chegue o momento de contratar as obras do Plan Único seguramente os prezos estarán moito máis altos”.
Os populares destacan que “a maior parte das obras que se financian con cargo ao Plan Único son estradas , que se fan con materiais bituminosos e o gasóleo, o petróleo, está a un prezo altísimo, igual que os prezos da construción”.
Castiñeira insta ao goberno da Deputación “a que canto antes cambie a súa idea de conxelar o Plan Único, porque suporá perder nivel adquisitivo por parte dos concellos, posto que a inflación e moitísimo máis alta que cando se deseñou hai varios anos”.