O popular explica que “as contas municipais só contemplan que o Concello aporte 42.800 euros en inversións, basicamente para a participación que lle corresponde nas obras executadas por outras administracións”, explica Riveira.
O voceiro do PP condena que “o goberno local non prevé solucionar a desfeita creada coa aprobación inicial do inventario de camiños nin avanzar noutros asuntos de interese coma a corrección do planeamento urbanístico- que, entre outras cuestións, impide edificar en núcleos onde si terían dereito-”. Tamén considera “insuficiente” unha transferencia de 51.600 euros para participar na renovación da depuradora de Momán e lamenta que “nunca se fixo caso a prestar axuda aos sectores afectados pola pandemia e tampouco se ten en conta agora”.
O popular remarca tamén que “os ingresos do Concello confirman que dende que se iniciou este mandato, subiron tódolos impostos en Xermade. O último en confirmarse foi o IBI de rústica e urbana que sube para o próximo ano do 0.36 e 0.40 por cento respectivamente ata o 0.45 por cento en ambos casos. O Concello cobrará 508.000 euros en impostos directos aos veciños”. Só coas taxas de servizo de abastecemento de auga, recollida do lixo e servizos asistenciais -axuda no fogar-, prevé recadar 293.000 euros”.
Incremento de 64.000 euros da Xunta para o SAF
Riveira destaca, a este respecto, que “a Xunta de Galicia incrementa en 64.000 euros a súa aportación para o SAF ata alcanzar os 545.500 euros no 2022 que servirán para estender o servizo a máis fogares e incrementar o número de horas nos que xa o teñen. É unha cifra moi importante, comparada coa totalidade do orzamento do concello de Xermade que ascende a preto de 1,9 millóns de euros”, di.
Gastos que poñen en dúbida a boa xestión municipal
O voceiro sinala, en relación ao capítulo de gastos, que “se eleva o gasto de persoal ata os 417.000 euros” porque o goberno prevé a creación de tres prazas de administrativo por promoción interna -a pesar da recente aprobación da RPT- e o incremento do horario do técnico de urbanismo ou obras. Con todo, os populares amosaron a súa preocupación pola organización do traballo a nivel municipal dado que “o traballo de proxectos, direccións de obra e estudios técnicos non deixa tempo e impide levar con razoable axilidade os licencias de obras, comunicación previas e informes solicitados polos veciños”.
Sobre a partida de bens correntes e servizos, 1.319.000 euros de gastos, Riveira considera que “se incrementan de forma significativa debido aos gastos de gas-oíl, seguros, reparación de maquinaria que supoñen un saco sen fondo e poñen en dubida a boa xestión do goberno local e a viabilidade destes servizos”.