Os populares pedían no pleno que o goberno local se adherise ao modelo da Xunta, tal e como xa manifestaran en setembro de 2019, obtendo nese momento a abstención do PSOE e o apoio favorable do BNG. “Quedamos totalmente anulados”, remarcan os populares. Por este motivo, Regueiro insta ao Bloque Nacionalista Galego a que se sume, como fixo hai dous anos, á petición do PP, xa que “deixar escapar este servizo sería estar desoíndo aos veciños que tanto o reclaman e impedindo que sexamos unha referencia na Montaña”.
Piden, por tanto, ás forzas de esquerda locais “unha reflexión profunda”, pois a creación destes Grupos de Emerxencias conleva a creación dunha ducia de empregos, a custe cero para o Concello, igual que se está a facer con todos os GES de Galicia.
O voceiro popular di que os responsables municipais “deben rectificar a súa postura e solicitar o GES para o noso municipio, porque é beneficioso para os veciños e para a economía local. É un servizo imprescindible”, manifesta. A este respecto, afea ao Bloque Nacionalista Galego que “non alzar a voz no mesmo senso, sería estar sendo cómplice do maior erro do goberno socialista en A Fonsagrada”. “Non podemos permitir que aconteza o que pasou no pasado con estes efectivos, quedando o noso municipio totalmente desprotexido”, conclúe.