Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Mariña replica a Ana Pontón: “Incumpriu o acordo de goberno que ela mesma asinou. É co-responsable do problema da nosa industria e do noso emprego. O resto é palabrería”

Lugo, 15 de novembro de 2021. Logo das declaracións realizadas por Ana Pontón na Mariña esta mañá, o PP desta comarca, respaldado pola presidenta provincial, Elena Candia, replica á dirixente nacionalista: “Incumpriu o acordo de goberno que ela mesma asinou. É co-responsable do problema da nosa industria e do noso emprego. O resto é palabrería”, afirman.

Os populares censuran deste xeito “o atrevemento” da líder do BNG de manter este encontro, así como as súas palabras. “Foi ela mesma a que se fotografou con Adriana Lastra para escenificar o acordo de goberno a cambio de buscar unha solución para Alcoa que, como se pode comprobar, tan só foi teatro político”, sinalan.

Neste senso, os populares afean á nacionalista que “non teña máis humildade política”, pois “resulta insultante vir á Mariña a falar de emprego cando o seu partido, o BNG, é cómplice da situación que atravesamos”. “É cando menos unha falta de respecto e un insulto ás miles de familias que levan meses nunha incertidume laboral a consecuencia das mentiras e da inacción dun Goberno, que ela mesma apoiou, e que segue sen dar unha solución ás electrointensivas”, afirman.

O BNG, “garantía de nada para esta provincia”
A este respecto, insisten en que, “no canto de ser parte da solución como está a facer o presidente da Xunta hoxe mesmo en Madrid, o que está a ser o BNG é parte do problema”. Por este motivo, os populares convidan a Ana Pontón “a facer valer a súa palabra”, xa que, “como ela mesma di, na Mariña o que estamos fartos é de comprobar como o BNG só se arrima ao PSOE para non deixar gobernar ao PP e, o que é peor, que se entregan a cambio de nada”. “Esta é a realidade, que os nacionalistas nos gobernos son garantía de nada para esta provincia. Os feitos así o demostran, como é este caso. Non son parte da solución, senón que son co-responsables do problema”, sentencian.

Por todo elo, os populares da Mariña instan á dirixente nacional nacionalista a “que condicione os pactos onde o BNG cogoberna co PSOE a dar unha solución”.

Exit mobile version