Castiñeira sinala que tan decisivo paso como o dado polo Consello da Xunta para dotar a Foz dunha nova depuradora de augas residuais, “non é unha moi boa noticia só para o PP, senón que é unha moi boa noticia para toda a localidade”. Explica: “Moitos colectivos, como a asociación de Veciños do Castro e a de Comerciantes de Foz, así como veciños a título particular e turistas pedían unha solución aos cheiros e a todas as molestias que xera a actual depuradora, especialmente na época na que hai moita afluencia de visitantes. Outros dos colectivos que sempre estiveron enriba para resolver estes problemas son a Confraría de Pescadores, a asociación A Ribeira e tamén o Club Náutico”.
O portavoz popular di: “Nós, ao contrario que o alcalde, si que levamos traballado arreo para solucionar este problema. PSOE e BNG, polo contrario, levan moito tempo tentando poñer obstáculos e trabas a todas as solucións que propoñía no seu momento o equipo de goberno do Partido popular. Cando chegou o momento de ter o apoio de Foz Plataforma de Futuro para nova ubicación da depuradora, a Xunta púxose a traballar para intentar resolver a tramitación ambiental, que foi moi complexa. Mentres, o PSOE e o señor Cajoto foron capaces de enganar a unha serie de veciños que agora se ven absolutamente estafados do alcalde”. Engade: “Nós, o Partido Popular de Foz, seguimos en positivo e pedímoslle ao alcalde que non poña trabas, porque todo o mundo sabe que el era partidario de ampliar a depuradora do porto, ao contrario do que opinaba a maioría do pobo”.
Castiñeira reclama do alcalde “que convoque canto antes, como xa llo solicitamos varias veces, unha reunión da comisión de seguimento da depuradora, para explicar aos grupos políticos e as asociacións todas estas boas novas”. Insta a Cajoto “a que canto antes poña a disposición da Xunta de Galicia os terreos e que cumpra así o acordado no pasado pleno, que decidiu dar para adiante a este proxecto”.