Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa ao PSOE lucense de evitar apoiar as demandas dos gandeiros e votar na Deputación en contra da moción para reclamar ao Goberno central medidas para frear a grave crise que vive o sector

Lugo, 30 de novembro de 2021. Nin socialistas nin nacionalistas tiveron a sensibilidade necesaria para apoiar na sesión plenaria celebrada esta mañá pola corporación provincial a moción do PP para reclamar ao Goberno medidas de apoio aos gandeiros. A moción popular foi defendida por José Ángel Santos, alcalde de Friol e deputado provincial. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, sinalou ao remate do pleno: “É absolutamente penoso que o presidente da Deputación de Lugo e os seus compañeiros socialistas votaran hoxe no pleno da Deputación en contra dunha moción en apoio do sector leiteiro, presentada polo Partido Popular; un sector que está sufrindo e que é moi importante para a nosa provincia e especialmente para a economía rural, para economía de moitos concellos nos que este sector é fundamental”.

Castiñeira tamén declarou: “O sector pásao mal e demanda a redución dos custos de produción. Por un lado está a suba do prezo da enerxía eléctrica, do gasóleo e dos pensos e, por enriba, o Goberno do Estado pretende sacar as bonificacións ao gasóleo; están afogando aos nosos gandeiros. Por elo non entendemos a posición do Partido Socialista, que votou en contra, nin a ambigüidade do BNG, que se abstivo, sabendo que a situación é moi mala”.

O portavoz popular lembrou a intervención de Santos: “José Ángel Santos, alcalde de Friol e deputado provincial, demostrou con datos reais cales son os incrementos dos custos dunha explotación media lucense: 630 euros máis de custo enerxía eléctrica, 421 euros máis de gasóleo e 2.284 polos pensos. Estamos a falar de 3.335 euros ao mes máis, que supoñen, aproximadamente 2,6 céntimos de euro por litro, o que fai inviables as explotacións. No pleno de hoxe apelamos á sensibilidade do goberno da Deputación de Lugo, pero non a tivo; non entendemos a circunstancia pola que o presidente da Deputación de Lugo, os seus compañeiros e os seus socios de goberno non apoiaron esta moción”.

Polo seu lado, Santos destacou na súa intervención que, na provincia de Lugo, o sector lácteo e un dos sectores mais importantes, do que viven, directa ou indirectamente, moitas familias. Lembrou que na provincia están asentadas o 44% das explotacións de carácter leiteiro de toda Galicia e que produce o 45% do leite de toda Comunidade Galega.

Santos explicou que á forte suba da enerxía únese a proposta do Goberno central de eliminar as bonificacións ao gasóleo agrícola e tamén hai unha importante suba de prezos nas materias primas que compoñen o alimento do gando. Por elo, entende que se aveciña a erupción dun volcán no sector primario, onde sen dúbida a lava prexudicará os máis débiles da cadea de valor alimentaria, que sempre son os mesmos, os agricultores e gandeiros. Asegurou que é necesario que se axuste a reforma da Lei da cadea alimentaria, incrementando os mecanismos de control que impidan que os gandeiros vendan a perdas ou por baixo do custo de produción.

Exit mobile version