Castiñeira di que a “elaboración dos orzamentos da Deputación para o 2022 sería unha oportunidade fabulosa para que a Deputación programase ese investimento; así o esperan os veciños de Riotorto, pero, segundo as comunicacións que está a facer a Deputación, esa non é a súa vontade”. Por elo, dende Riotorto denuncia “esa actitude do goberno provincial, que unicamente obedece a criterios políticos e non a criterios de necesidade”.
Pola súa parte, o alcalde, Clemente Iglesias, denuncia a carta recibida do presidente da Deputación con respecto ao polígono industrial proxectado, porque nela “di que para o polígono debemos utilizar os cartos do Plan Único”. Engade: “Teño que dicir que o Plan Único está destinado a outros fins e que nos sentimos totalmente discriminados, pola cor política coa que gobernamos, neste caso o PP, que está na alcaldía; por iso o sectarismo da Deputación Provincial de Lugo cos veciños de Riotorto”.
O alcalde tamén dixo: “Tanto os veciños como as empresas locais serán as grandes prexudicadas pola decisión que nos transmite o presidente da Deputación na carta que recibimos. O goberno provincial non ten vontade política para executar o polígono industrial de Riotorto, a pesar de ter todos os permisos e autorizacións; só falta sacalo a licitación”. Insiste en que “é un proxecto moi importante para o futuro de Riotorto”.