Rubén Lorenzo lembrou que Galicia declarou oficialmente a presenza da praga da couza guatemalteca en novembro de 2015, establecendo medidas urxentes de control nos concellos de Ferrol, Narón e Neda. Posteriormente, a comezos de 2016 ampliouse as zonas afectadas aos concellos de Cervo, Foz, Xove, O Valadouro e Viveiro. Finalmente, e logo de realizar intensas campañas de prospección, en febreiro de 2017 ampliáronse as zonas afectadas ata 31 concellos das provincias de Lugo e A Coruña.
SEGUIR APLICANDO MEDIDAS
Ao longo destes últimos anos a Xunta levou a cabo numerosas accións para o control desta praga nos concellos afectados e evitar a súa expansión, ademais de dispor de indemnizacións para compensar a retirada e destrución das patacas das explotacións e dos almacéns. “Na actualidade, o traballo principal segue consistindo en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución das capturas e a dispersión da praga, constatando que a mellora é evidente pero que se debe seguir aplicando as medidas para conseguir a erradicación da couza”, apuntou.
Hoxe, os concellos dentro das zonas infestadas son 18 e neste ano só houbo capturas en cinco municipios. “As previsións apuntan a que a finais deste ano sairán das zonas infestadas a meirande parte dos concellos que teñen esa condición”, sinalou o deputado popular.
“Diante desta situación, consideramos que pode ser un bo momento para que, sempre tendo en conta os datos técnicos, o Ministerio de Agricultura permita a plantación de patacas naqueles concellos cun número insignificante de positivos de couza guatemalteca e onde os datos de capturas nos indiquen un control e localización da praga, delimitando as zonas de prohibición á parroquia ou parroquias afectadas”, demandou Rubén Lorenzo.