Mondoñedo, 17 de novembro, 2021. O vindeiro luns, día 22 de novembro, ás 18:00h no Salón de Actos da Casa da Xuventude, terá lugar unha reunión informativa acerca do recoñecemento de edificios e vivendas que levará a cabo persoal técnico ao servizo do Concello -debidamente acreditado e identificado- nas vindeiras semanas.
Esta acción é debida a que o Concello de Mondoñedo ven de iniciar os traballos para a redacción dun Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico da nosa Cidade, que virá a actualizar o PEPRI que está vixente desde o ano 1994.
Por iso, e continuando coa longa experiencia que xa acumula Mondoñedo, o novo Plan adaptado a todas as leis e normas ditadas nos últimos 27 anos propoñerá as accións necesarias para facilitar a mellora e a rehabilitación dos edificios e das vivendas do conxunto, que representan a nosa morada e tamén a orixe e identidade mindoniense, coa finalidade de acadar a recuperación de todo o noso patrimonio, mellorando as condicións de vida das veciñas e dos veciños e o aprecio e desfrute de todas e todos nós e de cantas persoas nos visitan.
Para realizar estes traballos cómpre coñecer as características, o estado e as necesidades actuais de mellora dos edificios, das vivendas e dos locais. Para estes efectos, persoal técnico ao servizo do Concello -debidamente acreditado e identificado- visitará nas próximas semanas todas as vivendas e locais, recadando a información precisa.
Con tal motivo, o Concello prégalle, a todas e todos as veciñas e veciños, que faciliten o acceso das técnicas e técnicos ao interior do edificio e colaboren do mellor modo á recollida da información que lles solicitarán, para documentar o mellor posible os traballos, dos que o Conxunto Histórico e toda a Cidade se beneficiará.
Aproveita tamén, o Concello, para agradecer a colaboración da veciñanza neste traballo que servirá para fundamentar os proxectos para a mellora do noso Conxunto Histórico e das súas vivendas, locais e edificios.