Santiago, 4 de novembro de 2021. O deputado do Grupo Popular Daniel Vega ofreceu hoxe no Parlamento galego ao presidente da Deputación de Lugo “un pacto pola provincia para incrementar un 25 por cento os fondos do Plan Único, pola mellora das infraestruturas da provincia, para seguir incrementando o solo industrial dispoñible bonificado e para aproveitar os fondos europeos de recuperación”. “Son catro oportunidades a favor do entendemento en beneficio da nosa provincia para que escolla entre gobernar de costas á provincia desde a sede do PSdeG ou aceptando consensos políticos co principal partido na provincia e en Galicia”, apuntou.
Daniel Vega comezou a súa intervención lamentando que o presidente da Deputación lucense “veña presentar unhas contas que o grupo maioritario do PP de Lugo non coñece, a pesar dos seus ofrecementos para traballar conxuntamente nestes orzamentos”.
En primeiro lugar, o deputado popular demandou que “cumpra o prometido e incremente un 25 por cento a achega da Deputación provincial ao Plan Único de Cooperación, tal e como se comprometeu en 2019 no propio acordo co entre PSdeG e BNG para gobernar a institución provincial”. Porén, lamentou que, “lonxe de incrementar a contía do Plan Único, a realidade é ben distinta, porque permanece conxelada desde 2017”.
CONTRATACIÓN ALTOS CARGOS SOCIALISTAS
“Vostede aínda confunde a Deputación de Lugo coa sede do PSdeG”, criticou o deputado popular, quen puxo como exemplo “a política de contratación de altos cargos socialistas na Deputación ou o reparto de fondos públicos a través de convenios discrecionais que distribúe a dedo”.
En concreto, explicou que dos 30 convenios asinados en 2021 por importe de 3,3 millóns de euros, 17 foron para concellos con alcaldías do PSdeG, 12 do BNG e só un foi cun concello do PPdeG, por importe de 50.000 euros e a pesar de que esta formación política goberna no 46 por cento dos concellos lucenses. “O PSdeG lévase o 65 por cento dos fondos, cando representa o 40 por cento dos concellos; o BNG, que representa o 5 por cento das alcaldías, lévase o 33 por cento dos fondos; e o PPdeG, con case a metade das alcaldías na provincia, só recibe o 2 por cento dos fondos repartidos pola Deputación de Lugo”, anotou.
Para rematar, Daniel Vega demandou “coherencia” ao presidente da Deputación de Lugo cando fala da xestión das residencias de maiores na provincia. “Presumen que son de xestión pública, pero os servizos fundamentais das mesmas están en mans de empresas privadas”, dixo.