Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia do vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, para informar sobre o balance da temporada turística e as previsións de cara ao 2022.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno central a activación urxente das medidas pendentes en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura.
MEDIDAS PARA ABARATAR A ELECTRICIDADE
Entre as medidas propostas na iniciativa do Grupo Popular figura o incremento do orzamento destinado ás subvencións relativas ao mecanismo de compensación de custos de emisións directas de gases de efecto invernadoiro, que podería chegar aos 310 millóns de euros; activar o fondo español de reserva para garantías de entidades electrointensivas para a cobertura dos riscos derivados de operacións de compravenda, a medio e longo prazo, de subministración de enerxía eléctrica; convocar de modo inmediato as poxas de electricidade de orixe renovable; e establecer mecanismos de xestión da demanda que permitan ofrecer flexibilidade ao sistema eléctrico.
Pedro Puy lembrou a incerteza na que viven as industrias electrointensivas galegas como consecuencia do prezo da enerxía eléctrica. “Dificilmente pode haber optimismo neste sector industrial cando en España, o prezo do megavatio/hora xa acada os 125,50 euros, mentres en Francia é un 60% máis barato e en Alemaña un 30% menos”, concretou.
En relación con este asunto, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre a situación na que se atopa o proceso de venta da fábrica de alumino de Alcoa en San Cibrao, unha vez coñecidas as últimas novas sobre a sentenza do Tribunal Supremo que ratifica a nulidade do ERE que pretendía levar adiante a empresa.
BAM PARA NAVANTIA
Tamén dentro das proposicións non de lei, o Grupo Popular tamén solicitará unha vez máis ao Goberno de España que proceda ao encargo para os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol dun buque de acción marítima para a Armada Española, de xeito que se dote de carga de traballo inmediata tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar.
Por último, o Grupo Popular incorporou na orde do día da sesión plenaria outras dúas preguntas ao Goberno galego: a primeira, sobre o impacto na sanidade galega do convenio asinado pola Xunta coa Fundación Amancio Ortega para a actualización tecnolóxica de equipamentos no Sergas; e unha segunda sobre os traballos e programas que se están a desenvolver nas bibliotecas públicas escolares.