Abadín, 30 de novembro de 2021. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, insistiu hoxe na aposta do Goberno de España por facer da autovía do Cantábrico unha vía segura e aberta totalmente ao tráfico coa implementación das solucións experimentais de apoio á condución e de miniminación das néboas no alto de O Fiouco.
José Miñones asistiu hoxe ao acto de finalización da fase de puebas dos catro prototipos de medidas fronte ás néboas que desenvolveu durante este verán o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana nun tramo anexo ao da vía na parte máis elevada entre Mondoñedo e A Xesta (Abadín). No acto estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
O delegado explicou que, unha vez finalizada esta fase, o Ministerio de Transportes realizará unha avaliación dos resultados, que “segundo o que puidemos ver hoxe, son moi prometedores” e analizará a súa idoneidade para resolver a problemática en O Fiouco para, finalmente, decidir sobre a súa contratación e instalación final.
Na súa intervención, José Miñones puxo en valor a colaboración entre o Ministerio e o sector privado para achar solucións a un problema, o das néboas, que “non se dá en ningunha outra parte da rede de estradas e en poquísimos lugares do mundo”. Así, destacou é a sociedade a gañadora desta “carreira de solucións na que fomos man a man cos equipos de I+D das empresas de sector unindo forzas e vontade”.
Desenvolvemento de prototipos en O Fiouco
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (MITMA) comezou este proxecto a finais de 2019 a través do sistema de “Compra Pública Precomercial (CPP) para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativa a sistemas de protección antinéboa na Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta”.
O importe do contrato ascendeu a 5,64 millóns de euros, cofinanciado nun 80% a través do Programa Innocompra do Ministerio de Ciencia e Innovación, mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 .
A contratación dividiuse en dous lotes: o lote 1, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa, e o lote 2, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento.
Selección de prototipos e experimentación
A CPP desenvolveuse en competencia por fases temporais de carácter eliminatorio, seleccionándose progresivamente as mellores solucións para resolver a problemática existente:
– Fase 1, xa finalizada, de demostración da viabilidade das solucións propostas, na que cada un dos adxudicatarios realizou os estudos e demostracións necesarios para demostrar a eficacia e a viabilidade técnica e económica da súa proposta. Deu lugar á selección de 4 prototipos, 2 de cada un dos lotes.
– Fase 2, que acaba de finalizar, de construción e experimentación en campo a escala real dos 4 prototipos seleccionados da Fase 1 con obxecto de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nunha contorna real nas condicións de néboa características do tramo da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta. Esta fase realizouse durante os últimos meses e estivo condicionada pola presenza de eventos de néboa durante o período de realización das probas.
As dúas propostas correspondentes ao lote 1 de axuda á condución sobre as que se desenvolveu a fase de experimentación en campo son:
• Un sistema de balizamento lateral da vía con luz láser:
• Un sistema de sinalización horizontal intelixente con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada:
As dúas propostas correspondentes ao lote 2 de sistemas que actúan sobre a néboa son:
• Un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos:
• Un sistema que combina barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluído-mecánicos:
10 millóns en mellora da seguridade
Na súa visita, o delegado avanzou que “nos próximos meses asistiremos a un salto cualitativo neste tramo, coa combinación dun ou varios dos os sistemas técnicos que coñecemos hoxe coas melloras da seguridade viaria que xa estamos a executar”.
Así, lembrou que desde o ano 2015 o Goberno investiu máis de 10 millóns de euros en diferentes melloras da seguridade viaria neste tramo. Aos 5,6M do proxecto do Ministerio de Transportes, súmanse 4,7 millóns investidos polo Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico, para diferentes sistemas de axuda á condución e de seguridade viaria.
En concreto, José Miñones anunciou que Tráfico se atopa nestes momentos finalizando a instalación de 372 novas balizas tipo led no tramo que permitirán que o limiar mínimo de visibilidade, por baixo do cal se pecha o tramo á circulación, baixe dos 40 metros actuais aos 30 metros.
O delegado lembrou que, agora, cando se alcanzan os 40 metros de limiar mínimo de visibilidade, o Centro de Xestión de Tráfico desvía automaticamente a circulación cara á N-634 desde a saída da Xesta ata Mondoñedo. “Coas balizas novas operativas, Tráfico calcula que os peches se reducirán nun 78%, é dicir, a só una de cada catro veces das que agora permanece pechada”. No que vai de ano o tramo permaneceu pechado ao tráfico en 69 ocasións.
A unión destas medidas coas solucións técnicas que determine o Ministerio de Transportes, “non só reducirá os peches senón que, cando haxa néboa, os condutores e condutoras poderán dispoñer de máis referencias para ter unha travesía máis segura”, explicou o delegado.