“O G20 acorda en Roma manter o teito do quecemento global en 1,5 graos”. Cun sorriso, dínnolo ou cóntannolo? Certo que os periodistas, cando poñen titulares, ás veces ‘quédanse sós’, mais neste caso, o titular vai coa idea que se pode ligar e é expresada moitas veces de xeito semellante a mandar separar as augas cun xesto, como se foran Moisés par cruzar o mar Roxo, ou o mesmo Iavé: os dirixentes fan un xesto e se é necesario, as augas ábrense, sen máis. Nos titulares, claro!
Explícome: é que o manter o teito de 1,5 ºC de suba de temperatura media na pequena franxa superficial terrestre onde podemos vivir non é algo que se poda acordar. É algo que se pode traballar para facer, pero non vale dicir ‘ata aquí’, e quedarse tan panchos. Polo que parece, no corpo da noticia dise, o que ‘lograron’ no G20 é un acordo entre eles para encarar o cumio de Glasgow cun núcleo de postura común, que xa é algo, pero nada máis, e polo tanto, ‘ben pouco’.
E nada máis, porque segundo as proxeccións vixentes, teríamos que reducir en menos de 10 anos as emisións netas de dióxido de carbono a 0. E aínda así non estría asegurado o obxectivo de que a Terra non rebasase os 1,5 ºC máis da referencia fixada. Que esa é outra, pois se consideramos ‘1,5 ºC máis que a media do ano pasado’, do que estamos a falar é doutra cousa. E mentres, os países están tirando en sentido contrario, como se pode ver non só en China ou Australia, lugares que nos seguen a parecer exóticos polo afastado no globo, senón tamén en España. Ou non se está a preparar de novo a Central térmica de As Pontes para funcionar, despois de ser pechada por contaminante? Atención: si, xa sei que se esgrimen razoamentos para facelo. E anda que non houbo protestas no seu día polo peche, encarado, nunha economía capitalista sen alternativa (a TINA, ‘There Is Not Alternative’ de Ms. Tatcher), como unha brutalidade contra a xente que dependía da fábrica. Pois agora xa vai volver a estar en marcha, a seguir contribuíndo ó cambio climático global, pero podemos estar contentos: lográronse salvar por un tempo os empregos correspondentes, e o sistema económico. Porque, se é difícil loitar contra unha crise (neste caso climática, á que polo momento se lle está a prestar máis atención dentro do conxunto de crises que se aveciñan), máis difícil o é facelo sen querer cambiar o sistema económico, o status social da minoría con máis poder ou o incremento continuado do consumo.
Proba a loitar atado de pés e mans contra unha fera que se está a achegar… Esa é a situación, pois esa sería unha situación persoal equivalente á que está a sufrir a nosa sociedade no conxunto do planeta. Cunha constatación: as ataduras de pés e mans son autoimpostas, e como tal podemos desfacernos delas para ter máis probabilidades de éxito. Pero, saberemos vivir sen ataduras?