“É un xeito peculiar de rebelarnos contra a situación actual, poñéndolle un chisco de humor e orixinalidade”, asegura Rubén Pinín, xerente do restaurante. “Pese ao ambiente acolledor das candeas, non se trata de ceas románticas, anque espero que veña moita xente namorada da música e da boa comida”.
Desde que anoiteza o serán do venres o local seguirá co seu servizo habitual de cafés, viños e tapas, pero coa iluminación reducida a mínimos e reforzada só coa luz das velas. A partir das nove da noite empezaranse a servir as ceas, que terán un menú temático en sintonía coa selección musical da velada.
O menú da primeira cea “a dúas velas”, que se celebrará este venres 26 de novembro, está dedicado ao grupo británico Queen e consiste en xamón ibérico ao corte (Bohemian Raphsody), berberecho galego ao vapor (Crazy little thing), prato principal a escoller (Under Pressure) entre brocheta de peixe sapo e langostinos ou entrecot de tenreira galega, e de sobremesa coulant de chocolate con xeado de vainilla (The Show must go on). O prezo do menú, que inclúe bodega, café e licores (I want to break free), é de 40 euros por persoa e sempre con reserva previa, xa que o aforo é limitado.
“A crise enerxética non só afecta ás grandes industrias, senón que as pequenas empresas e autónomos tamén o estamos sufrindo nun momento no que o que precisamos sería todo o contrario: facilidades e axudas para poder recuperarnos despois dun ano e medio de pesadelo”, afirma Pinín.
Para o hostaleiro de Burela, “oxalá esta iniciativa sirva como idea para que moitos outros hostaleiros do país se unan e poidamos crear unha rede de ceas a dúas velas como símbolo de protesta e rebeldía por esta subida tan exagerada das tarifas que estamos sufrindo”.