Ribadeo, 4 de novembro de 2021. O Concello de Ribadeo recorrerá a resolución do Instituto Geográfico Nacional sobre o topónimo da Ría de Ribadeo. Así o anunciou hoxe, xoves, o alcalde, Fernando Suárez quen explica: “sorprende que na resolución do Instituto Geográfico Nacional non se analizan as nosas alegacións (entre outras varias que temos constancia de que se presentaron, como as da Deputación de Lugo). Nestas alegacións mostramos irrefutables argumentos na defensa do topónimo de Ría de Ribadeo como único oficial posible, mais con esta resolución dá a sensación de que non foron sequera tidos en conta”.
O rexedor municipal ribadense engade que “estas alegacións acreditan, entre outros aspectos, o uso histórico do topónimo de Ría de Ribadeo e a realidade de que o topónimo de Ría do Eo é recente e propio de rexistros que non lle poden outorgar oficialidade. Por outra banda podemos afirmar que a nomenclatura das restantes rías galegas e asturianas vai en contra desta resolución, do mesmo xeito que tampouco se respectan as recomendacións da ONU de utilizar un único nome para os accidentes xeográficos e de evitar cambios innecesarios de nomes. Ademais, nestas alegacións tamén analizamos o informe do Principado de Asturias (que reabriu este debate e deu inicio ao expediente) no que, ao noso xuízo, non queda acreditado un uso histórico do termo de Ría do Eo nin un uso máis recente que poida oficializar o seu uso, atopando ademais serias inconsistencias nos argumentos presentados. Por todo isto, en canto teñamos a comunicación oficial da proposta de resolución, iniciaremos os trámites dos recursos que procedan, por entender que dita resolución non está motivada nin se axusta á razón, nin á historia, nin aos criterios de denominación das rías galegas e asturianas en particular, e do Cantábrico en xeral”.
E Fernando Suárez agarda “que a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia vaiamos da man para manter o criterio científico, histórico e xurídico avalado por todas as institucións a nivel galego e estatal, que de xeito contundente e con argumentos absolutamente obxectivos defenderon a oficialidade do nome da Ría de Ribadeo”.