Xove, 5 de novembro, 2.021. O Concello de Xove vén de rematar a colocación e sinalización de dúas estatuas realizadas e doadas por Manuel Míguez, quen desempeñou o oficio de ferreiro en Labradela, na parroquia da Rigueira, ata o seu pasamento no ano 2019. A persoa que as transmitiu ao Concello foi a filla do artista, Berta Míguez, quen cumpriu así os desexos do seu pai de agasallar as figuras a toda a veciñanza de Xove.
A doazón está composta por dúas estatuas: A primeira, que representa a figura dun ferreiro realizada en ferro, foi colocada na praza pequena do Concello, en homenaxe e recordo a todas as persoas da contorna que desempeñaron oficios tradicionais. A segunda representa unha escultura natural abstracta, realizada en madeira e outros materiais. Foi colocada na Área Recreativa de Vila, na mesma parroquia da Rigueira, en plena Ruta dos Muíños e moi preto do inicio da Ruta das Fadas.
O Concello de Xove agradece a doazón destas obras que con toda seguridade convertiranse nun reclamo de interés, non só para os xovenses, senón tamén para as numerosas persoas que visitan o municipio cada ano.