Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro e “Superarte” reúnen a comerciantes e hostaleiros coa asociación Aspanane na procura dun municipio máis inclusivo

Viveiro, 30 de novembro de 2021. Tras a inauguración o pasado domingo da 3ª edición de Superarte, o Concello de Viveiro realizou xa diferentes actividades enmarcadas nesta proposta. Superarte é a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional, dedicada nesta edición ao Trastorno do Espectro Autista (TEA).

O Concello de Viveiro agradece a colaboración de ASPANANE na charla-encontro co comercio e a hostalaría locais, que se celebrou onte baixo o lema ‘O Comercio e a Hostalaría Inclúen. Na procura dun comercio e unha hostalaría máis inclusivos’. A charla contou coa implicación da concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, e da concelleira de Comercio e Turismo, Marisol Rey.

O goberno local traslada o seu agradecemento tamén ás persoas comerciantes e hostaleiras que se achegaron onte a escoitar ós usuarios/as de ASPANANE, quen falaron en primeira persoa das súas necesidades de cara a lograr un municipio máis inclusivo.

“Este tipo de encontros son moi enriquecedores de cara a ser un primeiro paso para transformar Viveiro nun municipio accesible para todos os colectivos”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.

Dende este martes, repartiranse os pictogramas para que os comerciantes do Casco Histórico coloquen nos seus establecementos. Deste modo, as persoas con TEA poderán entender dun xeito máis fácil a súa contorna.

Doutra banda, Superarte tamén programou actividades nos centros de educación primaria de Viveiro e á escola infantil San Roque. Concretamente, a contadora Charo Pita relatou o conto “La Carrera”, que transmite a historia dun neno con TEA.

Dende o Concello de Viveiro agradécese aos centros educativos e ao seu persoal docente que estean posibilitando esta edición de Superarte.

“Con este programa buscamos chegar a todos os sectores da sociedade: as escolas, os negocios e ata a propia administración. A inclusión debe ser unha realidade en todos os ámbitos das nosas vidas”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Exit mobile version