Mondoñedo, a 29 de novembro de 2021. O Concello de Mondoñedo aprobará na sesión plenaria correspondente a este mes, que se celebrará mañá, o orzamento municipal para o 2022, por importe de 3.598.954,21 euros. O goberno municipal, presidido por Manuel Ángel Otero, destaca que as grandes contas para o próximo ano están deseñadas cun marcado carácter social. Así se reflicte no feito de que do total do orzamento (3,6 millóns), a servizos sociais destínanse máis de 570.000 euros, e o SAF increméntase, con respecto ano pasado en 47.880 euros (este servizo pasou de 810 horas no 2015 a 1.800). Igualmente, as grandes contas do Concello para o 2022 están deseñadas para garantir a colaboración con todo o tecido asociativo, tan importante neste municipio
Con respecto ao correspondente ao ano en curso, no orzamento do 2022 dáse un incremento de ingresos. É un aumento derivado, por un lado, da implantación de actividades económicas, que fan aumentar a recadación por IAE; en 2015, o Concello recadaba por este concepto ao redor de 40.000 euros e, no 2022, superaranse os 140.000. Tamén se produce un incremento de ingresos polo Imposto de Bens Inmobles (IBI), debido á implantación dos novos parques eólicos.
O orzamento non inclúe as axudas ata que están efectivamente concedidas, aplicando o principio de prudencia e de rigorosidade que debe imperar nos termos orzamentarios.
O Concello cumpre en canto a prazos e demostra estabilidade orzamentaria. Mantén a débeda cero. Desta maneira, o orzamento para o próximo ano ofrece unha imaxe fiel da saneada situación económica municipal.
No pleno aprobarase a exención fiscal para BIEGAL, empresa implantada nas instalacións de ECAR-Finsa.