A concelleira delegada de Muller e Igualdade, Ana Rojo, explicou que “con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, vimos de gravar no día de onte un spot para a TVG, a modo de condena e rexeite á violencia machista, á violencia de xénero; tamén para concienciar á sociedade desta lacra social que afecta e sofren de maneira alarmante moitas mulleres todo o mundo, incluíndo o noso país e tamén a nosa autonomía”.
Ana Rojo destacou que “para a gravación deste spot contamos coa colaboración desinteresada de moitas mulleres focegas, que se achegaron dende todas as parroquias e barrios grandes do noso concello. A pretensión non era outra que visibilizar a unha ampla representación das nosas veciñas de diversas profesións como camareiras, caixeiras, sanitarias, limpadoras, mestras, traballadoras do Concello, da gardería, da residencia e dos centros de día, hostaleiras, concelleiras da corporación, mulleres inmigrantes, voluntarias, amas de casa, xubiladas, estudantes, … Un gran abanico de profesións, colectivos e asociacións e tamén de idades comprendidas entre os 6 anos, que ten a máis pequeniña, ata cerca de 80 anos. Todas elas colaboraron de maneira activa e desinteresada. No nome do alcalde, dos compañeiros de goberno municipal e no meu propio queremos transmitirlles o noso agradecemento a todas e cada unha das participantes. Unha vez máis as mulleres de Foz alzaron a voz contra a violencia machista”.