Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz anima a participar na folga deste mércores na Mariña

Foz, 16 de novembro de 2021. O Concello de Foz anima a todas as veciñas e veciños a participar na folga de mañá, mércores, na Mariña.
“Desde o Concello de Foz animamos a todas as veciñas e veciños a participar na folga deste mércores, 17 de novembro. Tamén llo trasladamos a todos os traballadores municipais pois aínda que sabemos que é un dereito individual cremos que todos nos debemos solidarizar cun problema que ao final nos repercute a todos: a nós e máis aos nosos fillos tamén”, manifestou o alcalde, Fran Cajoto.

O rexedor municipal engadiu: “estamos nun momento crucial para a comarca porque tanto a planta de Alcoa como a de Vestas penden dun fío. Non só debemos esixir manter as factorías en funcionamento con eses postos de traballo, pois sabemos que Alcoa pode seguir producindo aluminio de calidade sempre que se lle garanta un prezo da enerxía estable e que Vestas ten beneficios, senón que debemos intentar ir máis alá. Hai unha posibilidade como unha factoría de fibra téxtil, un proxecto industrial encabezado pola firma lusa Altri que podería desembocar. E iso é o que queremos, que A Mariña siga tendo un futuro industrial e que se continúen creando e xerando postos de traballo de calidade. Para iso temos eivas en infraestruturas: fáltanos a autovía e o corredor VAC Norte e aínda temos pendente a liberación do dique norte de Alcoa, que nos permitiría unha saída por mar fundamental para as nosas mercadorías”.

Ademais Fran Cajoto considera que “non podemos agardar máis e, aínda pareza que non, as nosas reivindicacións teñen consecuencias e que as nosas voces xuntas se escoiten en Santiago e en Madrid é moi importante. Así que animamos a todo o mundo a que o día de mañá, mércores, sexa unha xornada de reivindicación e que nos centremos niso: en esixir en conciencia o que nos corresponde, saldar unha débeda histórica cunha comarca que ten unha soa voz”.

Exit mobile version