Cervo, 22 de novembro de 2021. O Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Igualdade que dirixe Pilar Armada, en colaboración coa asociación Mulleres en Igualdade de Cervo (CERMEI), programa unha xornada baixo o lema “ponlle fin para ter un comezo”, que inclúe unha obra de teatro e un concerto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que ten lugar cada 25 de novembro.
A obra de teatro de Francisco Piñeiro, que se representará o venres 26 de novembro na Casa da Cultura de San Cibrao, ten como título “Alegoría da igualdade”. A compañía encargada da representación será o Grupo Ardora e a hora de comezo será ás 19:00H.
Ao remate da obra, a artista local Marta Suárez dará un concerto para todos os asistentes.
O Concello de Cervo tamén colaborou xunto coa Asociación Bumei – Mujeres en Igualdad da Provincia de Lugo, na gravación dun spot televisivo en contra da violencia de xénero, que se está a emitir desde este luns ata o venres 26 na TVG.
Ademais, durante toda a semana, iluminaremos de morado os diferentes edificios públicos como símbolo de repulsa da violencia de xénero e en apoio a todas as mulleres que sofren ou sufriron nas súas vidas esta lacra.
Convócase tamén un minuto de silencio o xoves, 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello, en recordo das vítimas da violencia machista.