Cervo, 5 novembro de 2021. O Concello de Cervo ordena a demolición dos dous bloques de vivendas sen rematar situados en Galdín, San Cibrao, a custo do interesado, que en ambos casos é a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Restructuración Bancaria S.A. (SAREB).
No caso de incumprimento da orde de demolición no prazo de tres meses, procederase, ou ben á execución subsidiaria da mesma, ou ben á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas.
Estas obras son dúas construcións non finalizadas, propiedade de Os Molineros e Pasillo Verde, cuxa licencia urbanística foi concedida xa no ano 2006 e debido á crise económica quedaron sen rematar.
Sinala o rexedor Alfonso Villares que “ fai xa máis de catro anos que iniciamos os trámites para lograr, en primeiro lugar, a caducidade da licencia de ambas construcións, que xa se conseguiu; e en segundo lugar iniciar un expediente de reposición de legalidade urbanística, que tamén está rematado”.
Engade o rexedor que “ordenar a demolición dos dous esqueletos é xa o último paso e agardamos que o SAREB, que é a entidade propietaria e encargada do custo da demolición, cumpra e execute este requirimento”