O rexedor lembrou que “hai uns días asinamos coa Universidade de Santiago un convenio de colaboración en temas moi interesantes con respecto á ecoloxía, á investigación, á información, ao ensino, … E evidentemente un dos nosos obxectivos é cumprir co propósito e compromiso de ser un concello polo clima e pola enerxía. E por tanto estamos facendo todas as actuacións pensando sempre nese fin co obxectivo de colaborar e participar en algo que cremos que agora mesmo é fundamental”.
Llano explicou que “como consecuencia dese convenio hai unha serie de proxectos que xa están en marcha e outros que se van poñer: un deles é poñer unha serie de hortas ecolóxicas aquí, no noso concello; xa teño apalabrado con donos de certas fincas para facer un convenio con eles para ceder durante un tempo os seus espazos para facer hortas ecolóxicas. Para habilitalas queremos tamén contar con xente de Burela que queira participar neste proxecto. Entonces en pouco tempo vamos abrir unha canle para que a xente que teña interese en cultivar unha parcela pequena para plantar cousas que lles podan interesar, sempre pensando en bos produtos e na mellor forma de cultivalos, desde logo que teñan a nomenclatura propia de saudables e de grande calidade por ser tratados dunha forma especial, porque unha das cuestións que queremos é investigar o fenómeno de abonar esas hortas ecolóxicas con algas da zona e ir observando o que ocorre. Isto formaría parte tamén doutro dos proxectos do convenio coa Universidade, da economía circular”.
O alcalde de Burela dixo: “por tanto parécenos un tema moi interesante, igual que o que xa temos culminado, realizado e comprobado referente á instalación de diferentes medidores controladores de auga por se houbera algunha fuga no noso concello. Hai varios postos, de tal maneira que dunha forma automática xa nos comunican se hai un gasto extraordinario de auga ou unha perda ou unha fuga. Ese proxecto xa se rematou e xa se comprobou que funcionan moi ben porque se detectou unha fuga dunha casa e grazas a este método que implantamos co propósito de poder aforrar e xestionar ben a auga xa deu resultado”.
E engadiu: “en pouco tempo habilitaremos a través da páxina web do Concello un sitio onde a xente poida ir anotándose para saber, a través dunha estatística, as persoas que están interesadas para formalizar e ter o máximo de espazo para poder traballar estas hortas ecolóxicas”.