O rexedor contou que “asinamos o convenio coa asociación de comerciantes e industriais de Burela co propósito de concederlles unha subvención nominativa de 10.000 euros para este ano. Tamén estivemos falando dos temas que preocupan e como vemos o futuro de todo o que é o comercio e a situación económica e social”.
Alfredo Llano explicou que “a subvención nominativa é unha fórmula de axuda para que eles poidan, coas súas iniciativas, facer aquilo que poidan sempre mellorando o comercio, a industria e todo o que leve consigo o movemento socioeconómico para o noso concello. Estivemos falando tamén das iniciativas que podemos facer no Nadal, independentemente desta axuda”.
O alcalde anunciou que “o Concello vai programar actividades lúdicas para que sexa tamén atractivo non soamente para a xente do noso concello senón tamén para os visitantes que poidamos ter. Imos intentar facer o acendido da iluminación do Nadal o 3 de decembro. Imos tamén procurar programar coa Acia para fortalecer o atractivo e que sexa moi visitado Burela, e ao mesmo tempo dar unha oportunidade de mercar e pasalo moi ben no noso concello”.
Llano adiantou que “imos facer unha reunión sobre o 15 de novembro para programar conxuntamente todo aquilo que vexamos que é bo para o comercio, para a xente e para a veciñanza de Burela. Pensamos que é bo as iniciativas que se poidan levar adiante e o compromiso do Concello en botar unha man en todo aquilo que sexa bo tanto para a Acia como para o concello de Burela de forma global”.