Con esta acción búscase mellorar a profesionalización e a competitividade das explotacións na venda de produtos agrícolas a través das redes sociais, planificando estratexias de comunicación, aprendendo a recoñecer contidos que conecten e, en definitiva, sabendo como se pode vender a través da internet.
Así, primeiramente abordarase como levar a cabo un plan de comunicación online para, de seguido, analizar as principais redes sociais de interese e as súas particularidades. Posteriormente, falarase da creación de contido nesas redes para atraer a potenciais consumidores, apuntando á importancia da redacción, do deseño e da fotografía. Por último, tratarase como vender os produtos e a experiencia de compra.
A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido seminario e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfearibadeo@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982 828 550.