Santiago de Compostela, 24 de novembro 2021. O portavoz de agricultura e gandaría do BNG, Xose Luís Rivas (Mini) interpelou ao conselleiro de Medio Rural, José González ante o conflito so sector lácteo polos altos custes de produción que non van acompañados de prezos xustos na posterior venda do leite á industria.
Neste sentido, Mini propuxo a Medio Rural tomar a iniciativa de sentar na mesma mesa a todos os representantes da cadea de produción e obtención do leite e os seus derivados. A xuízo, do nacionalista, debe ser iniciada unha negociación entre, produtores e produtoras, Cooperativas, Industria e de maneira especial “a distribución”.
Por outra parte, na interpelación ao titular de Medio Rural, o nacionalista tamén reclamou demandar do Goberno do Estado “fixar uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios” na Lei da Cadea Alimentaria.
Na súa intervención, insistiu en que “só os protagonistas poden promover un posible acordo para saír da crise” pero a Xunta, afirmou, non pode permanecer “quieta e impasible” e seguir coa teima de “desacreditar ás organizacións sindicais agrarias polas mobilizacións”.
No debate da interpelación, o parlamentario aludiu á proposición non de lei do PP debatida minutos antes en aras de acadar un acordo ante o conflito do sector lácteo, proposta que na súa opinión só respondía a unha declaración de intencións porque a Conta láctea non establecerá custes de produción e polo tanto “nin ten credibilidade nin é fiable”.
Rivas criticou a inacción do goberno do Partido popular, durante 12 anos para intermediar. “Non convocou a Mesa do Leite e mantén xuntanzas por separado pero descoñecemos con que contidos”, subliñou.
Para o deputado do BNG, O PP tenta substituír ás organización sindicais por Organización de Produtores lácteos e por iso, dixo, “buscan o apoio deste Parlamento para promocionar produtos lácteos galegos incidindo na seguridade alimentaria, o benestar animal das nosas explotacións pero todo en maos de capital foráneo”.
O deputado fixo unha chamada á unidade do sector nuns mínimos a conquistar porque os custes de produción soben e polo tanto, debe subir o prezo final e reverter polo menos un 60% da suba no primeiro. Mini criticou que “boa parte da Industria de Transformación” opere baixo control francés dende hai décadas.
O PP refén dos intereses da industria e distribución do leite
A crise do sector polo incremento dos prezos da solla, colza ou fariña de millo que pasaron de 55 céntimos a 85, a subida do recibo da luz en máis do 50% ademais do gasóleo agrícola reducen “a escasa marxe” das explotacións leiteiras. “Todos estes elementos condicionan o 60% dos custes de produción que se moven nunha forquilla de 30 a 40 céntimos polo que cun incremento dun 30% destes custes temos o litro de leite entre 5 e 8 céntimos máis caro”, explicou.
Tras a resposta do conselleiro de Medio Rural, o deputado do BNG lamentou que , unha vez máis, o goberno non presente ningunha alternativa ao conflito dun sector estratéxico para conxunto de Galiza e cun “futuro incerto” e igual que fixera no debate da proposición non de lei do PP defendida pola popular, Elena Candia acusou ao goberno de ser “refén” dos intereses da industria e distribución, “non se sabe moi ben porque motivos” pero resulta evidente que o Goberno non quere “disgustar” a estas empresas, concluíu.