A iniciativa nacionalista, defendida pola portavoz de Pesca, Rosana Pérez, inclúe tamén a participación das organizacións ambientais e pesqueiras nas delegacións do Estado español diante da ISA e a promoción e defensa dunha reforma dese organismo para unha maior transparencia e participación dos sectores afectados e da sociedade civil, así como a adopción dunha prohibición da minaría submarina nas súas augas xurisdicionais e a exclusión explícita da posibilidade de realizar esta actividade nas Áreas Mariñas Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica ou Biolóxica, incluíndo o denominado Banco de Galiza, fronte ás costas galegas.
Na súa intervención ante a comisión parlamentaria de Pesca, Pérez recordou que a ISA ten previsto nos primeiros meses de 2022 varias reunións para tomar decisións sobre este tipo de actividade, xuntanzas nas que participarán, entre outros, o Consello Europeo da Frota Comunitaria de Longa Distancia, o Consello Consultivo para as Especies Peláxicas ou a propia Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), organismos todos eles que, segundo recalcou, levan meses traballando para reunir a información científica, xurídica e técnica que existe co obxectivo de emitir un ditame conxunto “que se vai sumar ao crecente rexeitamento mundial en contra da minaría submarina”.
Neste sentido, lembrou tamén o Manifesto Científico contrario a esta actividade, a declaración de distintas empresas da automoción e das telecomunicacións expresando a súa intención de fabricar baterías sen materiais procedentes da minaría submarina ou a moción de rexeitamento aprobada pola propia UICN, máxima autoridade mundial na análise do estado dos recursos naturais dende 1948.
A deputada nacionalista advertiu na defensa desta proposición non de lei que todos estes organismos xa se teñen dirixido á UE e aos seus Estados membro para establecer unha moratoria para a explotación da minaría submarina ata que os efectos no medio mariño e na biodiversidade estean suficientemente estudados e co obxectivo de “asegurar que esta actividade non produce degradación nos ecosistemas, avogando polo principio de cautela porque o interese público sexa o que prime por riba dos intereses comerciais das empresas que buscan beneficios a curto prazo”.
Neste sentido, advertiu que a minaría submarina converteuse xa nunha das principais ameazas á integridade dos fondos mariños, “baixo a presión de multinacionais, amparadas polos gobernos, co único interese da depredación estrema dos recursos”. “O espolio dos fondos mariños e a obtención de cada vez maiores réditos económicos desobedecendo calquera coidado da biodiversidade e dos recursos que son de todos, pero dos que só uns poucos sacan beneficios multimillonarios” é, a xuízo de Pérez, a fonte desta ameza, polos enormes impactos potenciais que ten esta actividade, dende os efectos tóxicos das plumas de sedimentos e metais pesados en toda a cadea trófica, ata a liberación de gases de efecto invernadoiro retidos nos fondos oceánicos, pasando pola destrución irreversible da biodiversidade mariña.
Unha ameza á que, segundo alertou, tamén está sometida a frota pesqueira galega, dado que, segundo recalcou, veríase “directamente afectada nun 15% das súas capturas de túnidos no océano Pacífico e nun 10% nas realizadas na dorsal do Atlántico”. “Ademais, o crecente interese por potenciais depósitos minerais en augas do Estado español, nomeadamente no denominado “Banco de Galiza, fronte ás costas galegas, “poría en risco os principais caladoiros de proximidade”, advertiu.
A portavoz nacionalista de Pesca rematou a súa intervención explicando tamén que a destrución ou extinción de especies provocadas pola minaría submarina “podería impedir ademais o descubrimento de novos medicamentos asociados a formas de vida das profundidades oceánicas” e, neste sentido, recordou que, sen ir máis lonxe, o test da COVID19 foi desenvolvido utilizando unha enzima illada dun microbio que se atopou en respiradoiros hidrotermais de augas profundas, un hábitat moi escaso e agora baixo a ameaza da minaría de augas profundas.