Viveiro, 18 de novembro, 2021. O BNG de Viveiro solicítalle a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e ao seu concelleiro de obras, Jesús Fdez Cal, o mantemendo das estradas municipais, unha vez máis e dunha vez por todas, de maneira regular e planificada.
“Son necesarias actuacións programadas cun calendario de obras de mantemento, conservación e mellora da rede viaria municipal, unha planificación estruturada que non se está a dar en Viveiro. Esta falta de ordenación de traballos e de previsión dos recursos, trae como resultado o lamentábel e perigoso estado da rede viaria municipal na totalidade das parroquias”, afirma Míriam Bermúdez, concelleira do BNG.
A concelleira lamenta verse na obriga de denunciar novamente a falta de planificación no mantemento de estradas municipais por parte do Goberno do PSOE de Viveiro, nesta ocasión, denunciando para que se amañe o gran socavón existente á entrada da Praza de Lugo, “un socavón que levan meses soportando as veciñas e veciñas de Viveiro.”
Míriam Bermúdez afirma que “no BNG apostamos por unha política municipal en infraestruturas viarias que se apoie nun Plan de mantemento, un plan con políticas convenientemente estruturadas e axendadas cos obxectivos fixados a curto, medio e longo prazo, que conste con 3 puntos clave”:
. Mantemento: labores rutinarias que se repiten anualmente como traballos de diagnose da estrada, limpeza de beiravías, limpeza dos sinais verticais, desbroces, mantemento de barreiras de contención…
. Conservación: actuacións a desenvolver por orde de prioridade, en función de criterios obxectivos e de acordo ao tipo de programa e traballos a realizar, como o saneamento de fochancas, renovación de firmes asfálticos, pintado do chan, reposición de sinais…
. Mellora: para levar a cabo a modernización das estradas co ancheamento dos carrís, facendo ou ampliando beiravías, eliminación de curvas perigosas, construción de beirarúas, melloras na accesibilidade, creación de carrís-bici, colocación de novas luminarias…