Viveiro, 26 de novembro, 2021. Veciñanza cansa de non recibir resposta algunha aos seus rexistros municipais, púxose en contacto de forma directa coa concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, estrañada de que o BNG non fixese caso ás súas demandas.
“No BNG queremos comunicar, que o Goberno de María Loureiro e Suso Fernández, alcaldesa e tenente de alcalde respectivamente, négannos o acceso aos rexistros municipais realizados pola veciñanza, así como tampouco recibimos notificación algunha de moitos rexistros que van directamente dirixidos ás concelleiras da corporación municipal. Non só é unha falta de respecto, se non de ética e de valores democráticos”, afirmou Míriam Bermúdez.
A concelleira do BNG continuou: “que teñamos constancia, neste mandato xa son dous os escritos rexistrados nas dependencias do Concello de Viveiro nos que se expresaba claramente que este fose entregado a todos os membros da corporación municipal, mais o BNG nunca recibiu notificación algunha destes rexistros, foi a veciñanza quen contactou con nós, estrañada de que o BNG non fixese caso ás súas demandas”.
A falta de transparencia do goberno do PSOE de Viveiro constátase unha vez máis, mostrando como utilizan o goberno só cunha óptica partidista, en contra dos intereses xerais da veciñanza de Viveiro, bloqueando e impedindo dar todo tipo de información á oposición do BNG.