Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz presentará no vindeiro pleno unha proposta para a eliminación da violencia contra as mulleres

Foz, 23 de novembro, 2021. O 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. En 1999 a ONU adoptou esta data para chamar a atención, sensibilizar e xerar conciencia en todo o mundo, mostrando o rexeitamento á violencia machista e o compromiso coa súa erradicación. Non obstante, esta loita debe materializarse ao longo do ano con accións sostidas, concienciación continuada e resposta aos ataques. En todo o mundo, miles de mulleres son asasinadas, violadas, agredidas, mutiladas ou acosadas por ser mulleres. A isto hai que engadir que o 2021 segue marcado pola pandemia de Covid-19 e a crise social e económica, que se suma e agrava a situación de desigualdade de xénero que non protexe nin ofrece unha vida digna e segura ás mulleres. A loita contra a violencia de xénero ten unha importante dimensión política de eliminación dos factores que provocan esta violencia. A súa orixe atópase na falta de equidade nas relacións entre homes e mulleres nos distintos ámbitos.

Entre as claves para loitar contra a violencia contra as mulleres e avanzar na prevención están a educación e unha resposta adecuada da xustiza que evite a impunidade e aborde todo tipo de violencia. A violencia machista non é un problema privado, é un problema estrutural que preocupa ao conxunto da sociedade, unha vulneración dos dereitos humanos. Esixe, en primeiro lugar, políticas fortes que poñan freo á violencia, recoñezan os dereitos das vítimas e se traduzan en recursos.

É necesario que haxa unha implicación social, de institucións, asociacións e colectivos diversos que se sumen de forma coordinada na loita contra a violencia machista. As actuacións institucionais deben basearse nos principios de colaboración e cooperación mutua entre administracións cunha clara vontade política. É fundamental instalar un Sistema de Atención Integral desde unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos, que promova a corresponsabilidade entre mulleres, homes, Estado e comunidade. Non podemos esquecer a prostitución, que en moitos casos se alimenta da vulnerabilidade de moitas mulleres e da feminización da pobreza. Mulleres migrantes sen dereitos que precisan dunha batería de medidas integrais, porque cando non hai posibilidade de elección non se pode falar de liberdade. Todos os recursos dispoñibles deben ser suficientemente coñecidos e postos ao servizo de quen os precise. Os concellos deben ser exemplo de toma de posición por iso o Grupo municipal do BNG propon medidas para contribuir a erradicación de todas as violencias contra as mulleres.

Exit mobile version