Foz, 18 de novembro de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, manifestou hoxe, xoves, que a aprobación por parte do Consello da Xunta da licitación da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) é unha boa nova, pero lembra que aínda non está redactado o proxecto construtivo e que o Concello está co proceso para a expropiación dos terreos para esa obra.
“É unha boa nova a aprobación da licitación do proxecto da nova EDAR, pero lembremos que aínda non está redactado o proxecto construtivo por parte de Augas de Galicia, que se comprometeu a que o Concello tamén intervirá porque queremos asegurarnos de que é o mellor proxecto e de que a obra non teña consecuencias para as veciñas e veciños de Forxán. Hai que evitar os malos olores e as molestias que podería ocasionar o mantemento dunha depuradora. Iso é unha das nosas prioridades aparte de, evidentemente, conseguir depurar e sanear a Ría de Foz”, indicou o rexedor municipal focense.
Fran Cajoto engadiu que “chega un pouco tarde porque a EDAR tiña que estar rematada no ano 2020, conforme ao convenio orixinal. Todos os trámites demoráronse en exceso e, segundo a última addenda asinada, iriámonos ao ano 2025 para a finalización das obras e a posta en funcionamento”.
O alcalde explicou tamén que o Concello de Foz “está facendo os deberes, estamos agora mesmo co proceso de expropiación dos terreos, este ano no orzamento municipal consignamos os fondos necesarios e estamos levando a cabo todos os trámites oportunos, unha vez aprobado o anteproxecto por parte de Augas de Galicia. Agardamos as seguintes fases: despois desta de aprobación aínda queda a licitación do proxecto máis obra, a redacción do proxecto construtivo e finalmente iniciar eses traballos que no ano 2025 darían lugar á nova EDAR de Foz, para a depuración dunha ría que está moi castigada. Ese é o noso obxectivo: que unha paraxe natural tan importante como a Ría de Foz, zona LIC e ZEPA de protección de aves, a coidemos e respectemos”.