Site icon Crónica3.com A Mariña

Nuns días serán enviadas 500 notificacións a propietarios que non están a cumprir coa lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tras as inspeccións realizadas polo Seaga en Ribadeo

Ribadeo, 4 de novembro de 2021. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, insiste en que “a adecuación das faixas de xestión de biomasa é unha necesidade que se debe ter presente todos os anos e non dun xeito puntual”. O SEAGA procedeu a inspeccionar as parroquias ribadenses co obxectivo de ver si se está a cumprir a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos vindeiros días serán cursadas 500 comunicacións cos incumprimentos detectados.

O rexedor lembrou que “xa no 2017 desde o Concello iniciamos unha ardua tarefa á hora de facer cumprir a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, en canto ás redes secundarias e ás faixas de xestión de toda a biomasa, sobre todo ao pé das vivendas cos marxes de retranqueo que hai que ter limpos de especies pirófitas, especialmente de eucaliptos, de acacias, de piñeiros, etc…, para evitar dramas e males maiores. Xa daquela fixéramos un bo e ambicioso traballo porque enviáramos máis de 700 cartas aos seus titulares para dicirlles que había que cumprir a lei, pero iso non se fai soamente un ano”.

Fernando Suárez dixo que “a lei autonómica establece que cada ano, e antes de maio, todas esas faixas de protección das vivendas e dos núcleos rurais deben estar totalmente limpas. Para iso tamén desde o Concello, durante dúas anualidades, fixemos unha entrega de árbores de vexetación frondosa que a lei di que se poden poñer nesas franxas, pero no ano 2018 asinamos un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa Xunta de Galicia en materia de prevención contra incendios forestais e agora o SEAGA, que é unha empresa pública da Xunta, foinos comunicando nestes días que procedeu a inspeccionar recentemente todas as parroquias do concello. Nos vindeiros días van ser cursadas, desde aquí, unha serie de comunicacións en función da listaxe que nos pasa SEAGA acerca dos incumprimentos da lei de incendios de Galicia en canto ás redes secundarias”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “calculamos que entre persoas físicas, unhas catrocentas e pico, e persoas xurídicas, unhas cento e pico, máis de cincocentas notificacións van ser cursadas novamente a todos estes propietarios para indicarlles que se lles vai dar un prazo extraordinario para que procedan a ter limpas as propiedades porque, se non é así, poden ser cursadas tanto multas como execucións subsidiarias. En principio as multas van ser aplicadas por parte da Xunta de Galicia. O que queremos desde o Concello de Ribadeo é que nin a Xunta meta multas nin nosoutros fagamos ningunha execución subsidiaria nin nada. O que queremos é que todo o mundo teña limpas as súas propiedades tal e como establece a lei galega contra os incendios forestais”.

Exit mobile version