Defender a estas alturas a Filosofía pode parecer a moitos unha tarefa innobre e incluso ignominiosa. Defendela como elemento educativo prioritario, fundamental e esencial, supón xa enfrontarse a toda unha sociedade que marcha por sendeiros moi distintos, e que garda demasiadas similitudes con aquela que condenou a Sócrates á morte. Neste caso faremos, unha vez máis, unha fuxida cara adiante e defenderemos e argumentaremos en pro da Filosofía como a Ciencia das Ciencias, como unha materia primordial no desenvolvemento e na procura da madurez intelectual do noso alumnado.
Visto o resultado das revisións que sobre o cambio lexislativo na educación dispón a política estatal, de nada valen os informes elaborados pola UNESCO recollendo a situación do ensino da Filosofía por todas as nacións do mundo, e as resolucións de 2002 (e moitos previos anteriores) coas recomendacións sobre a súa inclusión e estudo, cando outros intereses se entremeten e desvirtúan o verdadeiro cometido da escola.
Lembremos que a ONU, a través da UNESCO, alenta aos seus estados membros a traballar na promoción, no fortalecemento e na extensión da filosofía en todos os niveis do ensino, porque a sociedade democrática, formada por unha pluralidade diversa de persoas e comunidades, proxectos e intereses, demanda un pensamento racional que axude a comprender o mundo complexo que nos rodea e proporcione instrumentos para edificar unha sociedade libre, igual e xusta. A UNESCO considera que a materia de Filosofía, o saber máis antigo de Europa, é a ferramenta idónea que debe servir a este fin. A Filosofía forma unha cidadanía reflexiva, lúcida, participativa, amante das institucións democráticas e con habilidades prácticas na resolución dos problemas específicos das sociedades democráticas avanzadas…
Debemos fomentar, pulir e mellorar as potencialidades que temos desde o momento que somos seres humanos, e o tempo educativo do que dispoñemos na escola (primaria, secundaria e bacharelato) son primordiais no fortalecemento de valores e na xestión do asombro e da curiosidade. Pensar por un mesmo, contribuír ao desenvolvemento da infancia, educar para unha cidadanía reflexiva, axudar na construción dun espírito crítico, facilitar poder acadar unha mestría nas distintas formas de expresión e no debate, promover aspectos culturais e interculturais, favorecer a innovación,…. para isto faise necesario elaborar un itinerario pedagóxico desde a primeira infancia, un camiño diverso no que se refire a obxectivos e metodoloxías, un camiño no que a maiéutica ten un papel fundamental.
Debemos deixar marxe para que os e as adolescentes evolucionen e maduren; non podemos facelos responsables de cuestións que pertencen ao mundo dos adultos, que deben ser resoltas polos adultos, pero si temos a obriga de facelos partícipes da realidade na que viven, da sociedade da que veñen, e, sobre todo, da que poden construír e na que vivirán nun futuro xa para eles real.
É moito más fácil vivir sen Filosofía…. nin é útil, nin vale para nada, nin temos necesidade… pero realmente tampouco temos necesidade da trigonometría, nin das raíces cadradas, nin dos números irracionais, nin sequera do big bang nin da teoría da gravitación universal, e moito menos da teoría da relatividade, vivimos máis facilmente sen todo iso, sen facermos problema das cousas que nos facilitan a vida, das cousas que necesitamos para a vida, evitando as veces reflexionar sobre o que imos facer ou podemos facer da nosa vida…
A diferenza entre o saber e o saber ser estriba na Filosofía… Está presente en todos os momentos claves da nosa vida, como asombro na infancia, como cuestionamento na adolescencia, como búsqueda do noso lugar na madurez, e sobre todo, como crítica e institutriz absoluta das nosas pretensións no mundo. Deixar que as Ciencias dirixan a Humanidade é colocala ao borde da extinción; deixar que as ideoloxías dirixan a Humanidade é metela nun continuum de conflitos que non só enfronta a pobos senón tamén a persoas, e menoscaba, desde os alicerces, o substrato fundamental da nosa convivencia.
Permitir que a transversalidade dos valores estea ao albur de calquera supón abrir unha caixa de Pandora catastrófica para as nosas esperanzas cosmopolitas e progresistas sobre o planeta. Supón deixarse levar polas reivindicacións de grupos e grupúsculos, na maioría dos casos xustas e necesarias pero que equiparan medios con fins, e que están dispostos/as a derruír o que se interpoña con tal de conseguir eses propósitos… E, desta forma, xa temos o despropósito situado no centro das nosas expectativas de vida confundindo unha vez máis o progreso con acadar metas históricas, que seguirán sendo obxectivos de logro, pero que debemos relegar desde unha perspectiva global da problemática actual da sociedade.
As críticas que a Filosofía ven padecendo desde tempos remotos, e de forma máis inmisericorde nos últimos tempos, só fan resaltar o profundo oco, o gran lapsus mental da sociedade que nos toca vivir.
Por estas e aquelas razóns, e por todo o que nos queda por vivir defendemos a inclusión da Filosofía no ensino, e o ensino da Filosofía como escola de futuro.
Manuel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía
Día da Filosofía 2021