Ribadeo, 27 de novembro de 2021. A Consellería de Política Social achega actividades de ocio durante as fins de semana na Mariña a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos a través do programa Outono Xove.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe unha das quendas que se desenvolve no albergue da Devesa (Ribadeo), con participantes de 18 a 30 anos. O programa inclúe roteiros, xogos de escape room, obradoiros de creatividade, visitas a Cervo (Museo de Sargadelos, Museo do Mar de San Cibrao, Paseo dos Namorados e senda botánica de Sargadelos), descuberta fotográfica en Mondoñedo, observación astronómica e un raid mariñeiro, con actividades de xeolocalización e orientación na Praia das Catedrais (Ribadeo).
As estadías son de venres a domingo desde o mes de outubro e a última terá lugar a primeira fin de semana de decembro. Os mozos e mozas partipantes divídense en dous tramos de idade, un de 14 a 17 anos e outro de 18 a 30.
O Outono Xove é unha nova iniciativa da Xunta que inclúe oito programas diferentes repartidos por distintos concellos galegos, entre eles Portomarín, que acolle o programa Facendo Camiño no albergue Benigno Quiroga; e Lugo, onde a iniciativa Aventura lug 2.0 no LUG2 pon a tecnoloxía ao alcance da xuventude.
Cada quenda ofrece 20 prazas e as persoas interesadas en informarse e inscribirse poden facelo en liña a través da web de Xuventude da
Xunta, sempre que queden prazas dispoñibles.
O programa inclúe aloxamento en albergue xuvenil ou residencia de tempo libre, polo que se achega manutención completa desde a noite do venres ata o domingo pola mañá. A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné Xove, sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada, aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo.
O portavoz do Municipal de Ribadeo, Daniel Vega, participou na visita e valorou positivamente esta iniciativa da Xunta de Galicia, poñendo en valor que o campamento xuvenil da Devesa estea en funcionamento todo o ano. Ademais lembrou ao tecido asociativo ribadense que as instalacións están a súa disposición para a realización de actividades.