Burela, 16 de novembro de 2021. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, defendeu hoxe a importancia de que, á hora de fixar as posibilidades de pesca, Bruxelas teña en conta a realidade da frota pesqueira galega e os aspectos socioeconómicos, ademais dos medioambientais. Así o sinalou na apertura da xornada Obriga de desembarque e valorización, organizada en Burela pola Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo.
Alí tamén destacou a necesidade de que a obriga de desembarque de capturas de pesca que establece a Política Pesqueira Común non impida o desenvolvemento da actividade pesqueira. Nesta liña, a directora xeral sinalou que o modelo de reparto e xestión de cotas de pesca instaurado dificulta a consecución deste obxectivo pois non se axusta á composición real das capturas, ao estar baseado nos desembarques.
A isto súmase, engadiu Mercedes Rodríguez, a falta de atención aos aspectos socioeconómicos no establecemento das cotas de pesca. Unha cuestión, suxeriu, que é clave para poder obter un reparto que se corresponda coa realidade da frota e máis cotas de pesca que permitan avanzar na súa competitividade.
Neste cometido, subliñou a directora xeral, tamén é fundamental a valorización dos produtos do mar e traballar na mellora da selectividade da actividade pesqueira. Un labor no que teñen un importante papel as organizacións de produtores pesqueiros e un exemplo é a OPP de Lugo que organiza esta xornada no marco do seu Plan de Produción e Comercialización, sinalou.