Viveiro, 15 de novembro de 2021. A alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, inaugurou esta tarde as ‘V Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro’, que se celebran de forma online pola pandemia do coronavirus.
“Abrimos este evento coa satisfacción de ver como pouco a pouco, ano a ano, consolídase no calendario nacional e internacional da arqueoloxía marítima, unha especialidade que capta a atención de persoas e colectivos profesionais de todo o mundo”, asegurou Loureiro.
“Grazas á Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS) e a Antón López polo agarimo co que traballa na organización e coordinación das xornadas con este concello, á Confederación Mundial de Actividades Subacuáticas, a Deputación de Lugo e a UNED, por continuar apoiando a pesares das dificultades derivadas da pandemia”, engadiu.
María Loureiro quixo tamén recoñecer a “sensibilidade de todas as persoas involucradas na organización deste evento para suspender o programa do mércores, día 17, unha xornada de folga xeral na comarca que este concello apoiará para demandar un futuro industrial para A Mariña”.
“A nosa ría ten unha extraordinaria riqueza arqueolóxica que procede dos máis de corenta naufraxios documentados na zona, e nas xornadas deste ano haberá unha intervención sobre o pecio do Viveiro I, de actualidade polo descubrimento dun astrolabio náutico de bronce en perfecto estado de conversación”, apuntou.
En palabras da alcaldesa, “a nosa aposta pola importancia da arqueoloxía marítima non se queda na organización destas xornadas ou o apoio aos grupos de investigación, se non que traballamos para a creación dun centro de interpretación da ría e a nosa intención como concello é que o astrolabio do ‘Viveiro I’ permaneza en Viveiro”.
A marxe desta ponencia sobre o Viveiro I, o programa deste ano abarca varios proxectos e temáticas de ámbito nacional e internacional, como a conferencia desta tarde sobre ‘O naufraxio Ria de Aveiro’, en Portugal.
Nos próximos días chegará a quenda das ponencias sobre ‘O mar nos programas decorativos da Galicia romana’, ‘A Carta Arqueolóxica Subacuática de Tenerife’; ‘As tres vidas dun cañón de ferro’, e ‘O Anclote: un novo pecio do século II d. C. na Bahía de Algeciras’.
En definitiva, o obxectivo destas V Xornadas, como en edicións anteriores, é dar a coñecer unha parte moi importante da historia e o patrimonio subacuático a través de grandes expertos en arqueoloxía marítima.