Site icon Crónica3.com A Mariña

Maite Ferreiro incide na transcendencia dos orzamentos da Deputación para manter “servizos sociais e infraestruturas no rural”

Lugo, 23 de novembro de 2021. A Deputación de Lugo presentou este martes a proposta de orzamentos para 2022, que ascenden a 100.165.600 euros e que se someterán ao debate do Pleno o vindeiro 30 de novembro.

Na presentación das contas, a vicepresidenta Maite Ferreiro valorou a importancia de “ter elaborados os orzamentos en tempo e forma para comezar o 2022 cos recursos dispoñibles para dar continuidade á labor de apoio aos concellos, manter servizos sociais como os Centros de Atención a Maiores, e seguir traballando na mellora da rede viaria” .

A vicepresidenta incidiu na necesidade de investir para “manter servizos e infraestruturas nun territorio da extensión e a dispersión poboacional das comarcas de Lugo” e referiuse especialmente á situación da veciñanza do Courel ante o anuncio de Movistar de retirar o servizo de fixo.

Asi mesmo, Maite Ferreiro ratificou o compromiso “co partido socialista para seguir traballando co obxectivo común de mellorar as condicións de vida da veciñanza máis aló das cores dos gobernos municipais, co Plan Único como ferramenta central para canalizar os recursos aos concellos”.

Durante a comparecencia, a vicepresidenta detallou as partidas e liñas de traballo no relativo a cultura, artesanía, deporte ou medio rural, áreas xestionadas polo BNG.

Cultura

No tocante á area de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización lingüística, Maite Ferreiro concretou que se reforzarán as programación propias para “achegar a actividade cultural a todo o territorio e para dinamizar un sector profesional e económico moi prexudicado polo impacto da crise, pero que viña arrastrando outras eivas”.

Avanzou tamén que se “manterá o apoio ao tecido asociativo, con distintas liñas de axuda a asociacións de base e entidades dedicadas á promoción e dinamización cultural en diferentes eidos, desde a formación musical ata a normalización do galego, cun importe de máis de 800.000 euros.

Maite Ferreiro salientou ademais o investimento destinado ao funcionamento da Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que este ano contará cun orzamento total de 3.304. 000 –300.000 euros maís que o ano pasado-, para seguir desenvolvendo os traballos de estudo, conservación e difusión que corresponden aos museos, e potenciando a súa interrelación coa comunidade e co territorio.

Despois de case dous anos coas actividades moi condicionadas pola pandemia, un dos obxectivos, se a situación sanitaria o permite, será reforzar a actividade presencial.

Artesanía e Deseño

En canto ao Centro de Artesanía e Deseño, Maite Ferreiro explicou que “se investirán máis de 300.000 euros en consolidar os proxectos de apoio e promoción da artesanía que ven desenvolvendo desde o inicio da lexislatura, apostando de forma decidida por visibilizar o traballo artesán e abrir novos camiños para a sostibilidade económica e social dun sector que é gardián de tradicións pero que ten enormes potencialidades, e que ocupa -a tempo completo ou parcial- a unhas 500 persoas.

Deportes

A área de Deportes, explicou a vicepresidenta, mobilizará “uns 3,2 millóns de euros para apoiar a actividade deportiva tanto na súa vertente educativa, de promoción do deporte base e da actividade física saudábel, como na súa vertente competitiva”

Manteranse as distintas liñas de axuda a clubs e deportistas, cun importe conxunto de 2,4 millóns de euros -230.000 euros máis que ano pasado- que “suporán un ano máis o principal soporte económico para o tecido deportivo da provincia, tanto de base e amador como profesional ou semiprofesional.

Ademais, as contas para 2022 destinan máis de 860.000 euros ao funcionamento e mantemento das instalacións deportivas que xestiona a Deputación de Lugo – o Pazo dos Deportes e o Anexo, e a Escola de Piragüismo- , destinados fundamentalmente á subministración de servizos básicos como electricidade, auga e calefacción ou limpeza e seguridade. Resérvanse 90.000 euros para realizar obras de mantemento e melloras.

Medio Rural

A área de Medio Rural contará cun orzamento total de 1.152.000 euros de cara ao 2022, uns 250.000 euros máis que na pasada anualidade, para seguir reforzando as liñas estratéxicas nas que ven traballando dende o inicio lexislatura.

Así, renovarase o programa de prevención de incendios“O Que Non Arde”, apoiarase a consolidación e expansión da plataforma de venda en liña Son de Lugo coa entrada de novos produtores locais e financiaranse programas de formación continúa e asesoramento para avanzar na profesionalización do agro e no aproveitamento das potencialidades produtivas da man de colectivos profesionais, asociacións sectoriais e do Campus Terra da USC.

Como novidade, porase en marcha o programa da Escola á Granxa, para que os rapaces/zas poidan coñecer de primeira man proxectos de emprendemento exitosos por toda a provincia e poder valorizar o noso tecido produtivo primario dende as primeiras idades como base educacional nas escolas.

Exit mobile version