Lugo, 5 de novembro de 2021. A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno desta semana novas actuacións para seguir mellorando a mobilidade na provincia por un investimento que se achega aos 900.000 euros.
O órgano provincial deu luz verde á licitación das obras de humanización do entorno da praza da Galeguidade, no concello de Muras, por un importe de preto de 275.000 euros.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recordou que “a Deputación financia integramente esta actuación a través dun convenio de colaboración que asinou o Presidente provincial co Alcalde de Muras e, agora, a institución tamén se encarga do procedemento de contratación da obra”.
O proxecto conta cun prazo de execución de tres meses e levará consigo a creación dun novo espazo de convivencia que dará un maior protagonismo aos peóns, reducirá a velocidade dos vehículos e mellorará a accesibilidade. “Vaise xerar unha única plataforma de pedra e formigón que unirá as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, renovaranse as subministracións públicas e dotarase de novas luminarias e mobiliario urbano a esta zona”, destacou Rivera Capón.