Site icon Crónica3.com A Mariña

Festa de goles pola igualdade (7-0)

Burela, 13 de novembro, 2021. Vista Alegre e Pescados Rubén Burela FS honraron a súa Loita pola Igualdade cunha festa de goles antes FSF Móstoles (7-0). As pupilas de Lucas demostraron o seu paso cara adiante en finalización sendo un exemplo de paciencia e insistencia na primeira parte. Tras o descanso, con 2-0, as Guerreiras fixeron gala goleadora diversificando o protagonismo, con hattrick de Ale de Paz, ante un rival minguado fisicamente que acusou demasiado a ausencia de Patri Chamorro.

Tras o aviso xa aos 15 segundos de Cami, Ale de Paz abriu a lata no minuto 2 para dar paso a un serial de ocasións na rede de Silvia. O segundo resistiuse unha e outra vez; tentouno Bea Mateos, máis tarde Dany, Peque tamén despregou as súas xenialidades… Por fin, as Guerreiras puideron celebrar a chegada do descanso ampliando distancias cun disparo cruzado de Cami, a falta de 34 segundos.

A paciencia laranxa desencadeou nun minuto de ouro para as de Lucas, no regreso ao parqué, no 23. Tras o 3-0 de Ale de Paz, Emilly atopou premio ante a porteira adiantada. Con máis de 16 minutos, Móstoles apostou por xogo de cinco. Silvia evitou o quinto ante Dany a pase de Ale de Paz. Chegando ao ecuador, a avalancha local completou a festa, co terceiro de Ale de Paz, Cilene e Elenita.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Peque, Cami, Ale de Paz, Emilly, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateos, Cilene, Leti, Dany, Elena Aragón, Jozi, Irene Samper, Elenita, Lara Balseiro

FSF Móstoles: Silvia, Celia, Inma, Benete, Sara Santos, cinco inicial; tamén xogaron Rafinha, Lucía, Silvia Carral

Goles: 1-0, minuto 2, Ale de Paz; 2-0, minuto 20, Cami; 3-0, minuto 23, Ale de Paz; 4-0, minuto 23, Emilly; 5-0, minuto 30, Ale de Paz, 6-0, minuto 30, Cilene; 7-0, minuto 31, Elenita

Árbitros: Calleja Rubio // García Schmid. Por Móstoles amarela a Sara Santos (minuto 17).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de Primeira RFEF Feminina disputado en Vista Alegre e dedicado á Loita contra a Violencia de Xénero dentro do II Plan de Patrocinio de Equipos Femininos da Xunta de Galicia.

Exit mobile version